Este informe toma como referencia os resultados do estudio “Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas empresas de Galicia . Edición 2024”. Analízase en detalle información cuantitativa de microempresas (menos de 10 traballadores/as) e de empresas de 10 ou máis traballadores/as, relacionada coas tecnoloxías disruptivas das que dispoñen en 2024.
Os datos son facilitados polo INE a través do IGE, xa que proceden da "Encuesta sobre uso de TIC y comercio electrónico en las empresas" que realiza o INE.
INTELIXENCIA ARTIFICIAL
A adopción da Intelixencia Artificial (IA) no tecido empresarial galego mostra unha tendencia clara ao crecemento, destacando especialmente nas empresas de maior tamaño, con dez ou máis empregados, onde o uso destas tecnoloxías supera a media estatal. Este incremento, que entre 2023 e 2024 foi notable, reflicte unha consolidación progresiva da IA como unha ferramenta estratéxica para a mellora de procesos internos, a optimización de recursos e o fortalecemento da competitividade empresarial.
Con todo, a pesar desta evolución positiva, a implantación nas microempresas continúa sendo limitada, evidenciando aínda unha ampla marxe para a expansión e o desenvolvemento neste segmento. Este ano sobe máis do 100% neste segmento ata o 5,3%, achegándose a só medio punto da media estatal.
Os usos de IA máis empregadas polas empresas con 10 ou máis traballadores/as son os relacionados coa seguridade das TIC, as actividades de I+D, ou procesos de produción mentres que entre as microempresas que utilizan IA, a solución máis empregada é a xestión contable, de control ou financeira, adaptando la tecnoloxía ás necesidades dentro de cada empresa segundo o nivel de complexidade y demanda existente.
As solucións de IA máis empregadas polas empresas con 10 ou máis traballadores/as son a análise de datos mentres que entre as microempresas que utilizan IA, a solución máis demandada é conversión de linguaxe falada en formato lexible para a máquina.
O sector de servizos destácase como o principal motor desta transformación dixital, liderando o uso de solucións baseadas en IA tanto en empresas grandes como en microempresas.
A preferencia xeneralizada por paquetes comerciais preconfigurados sinala unha tendencia cara á accesibilidade e facilidade de implementación, especialmente nas microempresas, onde as limitacións técnicas e de recursos poden dificultar o desenvolvemento de solucións de IA propias e personalizadas.
A pesar dos avances, persisten obstáculos importantes que limitan a adopción da IA, sendo a falta de coñecemento o principal. Superar estas barreiras é fundamental para acelerar a incorporación da IA e aproveitar plenamente o seu potencial transformador.
CLOUD COMPUTING
O Cloud computing consolídase como un piar esencial na transformación dixital das empresas galegas, cun crecemento significativo na contratación destes servizos, particularmente entre as compañías máis grandes. Esta tecnoloxía facilita o acceso a solucións avanzadas e ofrece maior flexibilidade e eficiencia, aspectos clave para impulsar a dixitalización e a integración da IA.
A compra de servizos de Cloud Computing aumentou nun 16,5% nas empresas de 10 o máis empregados con sede e/ou actividade en Galicia, acadando o 36,1% e superando a media estatal (31,7%). Nas microempresas a compra destes servizos acada o 6,1%.
Nas empresas galegas con 10 ou máis traballadores/as que contrataron servizos de Cloud Computing, as solucións máis utilizadas son as de correo electrónico, presentes en máis do 89% dos casos, seguidas polas de almacenamento de ficheiros, empregadas por máis do 80% das compañías.
En cambio, nas microempresas, as solucións máis destacadas son o almacenamento de ficheiros (92,7%), o correo electrónico (73%) e os servidores de bases de datos empresariais (69,2%).
ANALÍTICA DE DATOS
O 34,4% das grandes empresas con sede ou actividade en Galicia realizan analítica de datos por parte dos seus propios empregados, mentres nas empresas do estado faino o 31,4%.
Tanto nas empresas de 10 ou máis empregados como de menos de 10, as fontes de datos máis utilizadas son:
- Rexistro de Transaccións: detalles de ventas ou de pagos.
- Datos sobre clientes: información de compras do cliente, localización, preferencias, valoracións e recomendacións, buscas ou datos do sistema de relación co cliente (CRM) ou do sitio web.