Esta xa é a terceira edición do informe sobre perfís STEM en Galicia que elabora OSIMGA. Nas edicións anteriores, deuse conta da dificultade para incrementar as persoas egresadas en titulacións STEM, a súa excelente empregabilidade, a gran fenda de xénero e as especialidades tecnolóxicas que máis atraen á xente moza.
A revolución dixital transformou de maneira acelerada a sociedade, con gran impacto na comunicación, a educación, a industria, a saúde e o comercio. Este novo contexto xera oportunidades en sectores emerxentes e expón a retos o ámbito laboral, facendo da formación e a educación factores esenciais para a competitividade e a adaptación social.
Neste escenario, os estudos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) adquiren un papel estratéxico, xa que desenvolven competencias dixitais, científicas e analíticas fundamentais para as profesións actuais e futuras.
En conclusión, a dixitalización e a formación STEM son eixos centrais para o desenvolvemento económico, social e sostible, e requiren políticas que impulsen a capacitación, a equidade de xénero e a preparación das novas xeracións fronte aos retos do futuro.
As titulacións STEM adquiren un papel estratéxico ante a crecente demanda de integración das TICs en todos os sectores económicos. A Comisión Europea segue a advertir en 2024 que unha das principais dificultades das políticas actuais é a existencia de centos de miles de empregos sen cubrir en Europa pola falta de perfís dixitais axeitados.
As persoas tituladas en carreiras STEM (siglas en inglés de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría ou Matemáticas) en Galicia rexistran unha taxa de ocupación superior ao 92 % nos dous primeiros anos tras finalizar os estudos, dous puntos por riba das restantes titulacións do Sistema Universitario Galego (SIUG).
Esta taxa de ocupación creceu 5,6 puntos nos últimos catro anos, segundo sinala o estudo “Talento dixital: estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM en Galicia” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e publicado hoxe.
O informe constata, tamén, que as persoas tituladas nas áreas STEM presentan mellores indicadores de empregabilidade ca media e unha rápida inserción laboral. O tempo medio para atopar traballo dos titulados nunha carreira STEM é de 4,2 meses fronte aos 6,5 meses doutras titulacións. No caso dos titulados en enxeñarías tecnolóxicas este tempo redúcese aos 2,4 meses.
Máis do 90% das persoas tituladas en STEM desenvolven funcións de nivel universitarios no seu posto de traballo, unha porcentaxe que se eleva ao 94,6% no caso das enxeñarías tecnolóxicas. A totalidade de titulacións do SIUG presenta unha porcentaxe do 83,7% neste indicador.
Estabilidade laboral
Respecto a situación laboral, máis do 80% dos contratos das persoas tituladas en carreiras STEM son indefinidos aos cinco anos de rematar os seus estudos, fronte ao 71,4% que rexistra o total do titulados no Sistema Universitario Galego. Esta cifra acada o 89,5% no caso dos titulados en tecnoloxías e do 88,4% na categoría de outras enxeñarías STEM.
O informe recolle datos sobre o peso da Formación Profesional nos estudos STEM cunha taxas de inserción laboral superiores á media da FP (85,8%) e amosan, tamén, unha maior rapidez para acceder ao primeiro emprego.
Fenda de xénero
A participación feminina nas titulacións STEM continúa sendo minoritaria, co 35,7% no ámbito universitario A maior desigualdade está nas enxeñarías e tecnoloxías da información. O FP é escollido por 4 de cada dez estudantes pero nas familias profesionais tecnolóxicas, só o 12,6% son mulleres.
A pesares das iniciativas para fomentar vocacións STEM entre as mulleres, o ritmo de cambio é lento, o que evidencia a necesidade de reforzar políticas educativas inclusivas e accións que visibilicen referentes femininos.
Demanda de perfís dixitais no sector TIC
A pesar de que o Sistema Universitario de Galicia mantén unha proporción estable de estudantes en titulacións STEM (28,2%), cun crecemento sostido nas áreas tecnolóxicas e que a Formación Profesional tamén reforza o seu papel estratéxico, a oferta formativa non cobre plenamente as necesidades do mercado, especialmente en perfís dixitais e tecnolóxicos emerxentes.
O sector TIC galego continúa a medrar, cun incremento sostido do emprego e unha alta proporción de traballadores con formación STEM (68,2%). Sen embargo, tres de cada catro empresas TIC declaran dificultades para contratar perfís cualificados, especialmente en áreas críticas como intelixencia artificial, ciberseguridade e análise de datos. Esta situación require reforzar a formación especializada e promover programas de actualización continua.
| Anexo | Tamaño |
|---|---|
| Informe. Traxectoria dos perfís STEM en Galicia. | 15.74 MB |