Actividades

Decreto 21/2010 do 4 de febreiro de 2010 atribúelle ao Observatorio entre as súas funcións a de desenvolver ou promover estudos e análises de datos que permitan coñecer o nivel de desenvolvemento, a tendencia e as posibles problemáticas que poden afectar á extensión da sociedade da información en Galicia e a aplicación do modelo de eGoberno nas Administracións públicas galegas. O Osimga elabora informes de situación e de evolución e facilita datos a outros organismos competentes na materia, co que contribúe á definición estratéxica de políticas públicas. 

Así mesmo, o Observatorio analiza o estado de desenvolvemento da sociedade da información para toda a cidadanía e, en especial, no que respecta aos colectivos en risco de exclusión, e promove liñas de actuación que potencian a súa incorporación e permanencia en condicións de igualdade efectiva. Entre as observacións de carácter xeral cómpre salientar que o Osimga poñerá en marcha enquisas sobre a sociedade da información en Galicia e sobre a eAdministración na Xunta e nas entidades locais.

A web do Osimga é unha canle aberta de comunicación e difusión dos datos, informacións, estudos e outros materiais elaborados polo Observatorio. Ademais, na web, este sistema de información subministra unha selección de novas relacionadas coa modernización da Administración autonómica galega e a sociedade da información en Galicia.