Este estudo foi elaborado no marco do convenio de colaboración asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estatística (INE), para optimizar a recollida dos datos relativos á Sociedade da Información nas empresas galegas. Este acordo de colaboración asinado proporciona unha ampliación dos indicadores de software libre para Galicia.
Os datos proceden principalmente da explotación a Enquisa sobre uso de TIC e comercio electrónico nas empresas que realiza o INE. Nos anos 2019 e 2020 a operación descrita excluíu variables que facían referencia ao software libre, que volven a incluír no ano 2021. Porén, os datos evolutivos conterán un salto importante, pasando de 2018 a 2021, polo que algunhas das diferenzas observadas poden resultar rechamantes pero debe considerarse que se trata dun período de tres anos.
Resumo de resultados
Cerca do 90% das empresas galegas con máis de 10 persoas empregadas utiliza aplicacións de software libre e a porcentaxe é de máis do 67% no caso das microempresas. .
Entre os programas máis utilizados destacan os navegadores de Internet (95,5%), as aplicacións ofimáticas (75,3%) e os sistemas operativos libres (51,5%).
As aplicacións para a análise de Big Data con licenza libre son as que máis incrementaron o seu uso no último ano, cun aumento do 45% nas empresas con sede en Galicia de 10 ou máis empregados/as respecto a 2023. Ademais, Galicia ocupa a terceira posición estatal no uso de aplicacións libres de planificación de recursos empresariais e xestión de relacións cos clientes, cun 33,5% nas empresas de maior tamaño con sede na comunidade.
Diferenzas por Sectores e Provincias
O sector da Construción lidera o uso do software libre entre as empresas grandes, cunha implantación superior ao 89%. No caso das microempresas, é a industria a que presenta maior utilización (76,8%).
Por provincias, A Coruña destaca entre as empresas grandes (88,7%), mentres que Pontevedra lidera nas microempresas (69,3%).