Tecnoloxías disruptivas nas empresas de Galicia. Edición 2023

Fonte
OSIMGA
Data
2024
portada disruptivas nas empresas 2024

O obxectivo principal do informe é identificar o grao de adopción das tecnoloxías que son compiladas na enquisa sobre uso de TIC e comercio electrónico nas empresas que elabora o INE. Na edición de 2023 inclúe a análise do uso da Intelixencia Artificial, Cloud Computing e analítica de datos.
Este documento analiza en detalle información cuantitativa de microempresas (menos de 10 traballadores/as) e de empresas de 10 ou máis traballadores/as, relacionada coas tecnoloxías disruptivas das que dispoñen en 2023.

INTELIXENCIA ARTIFICIAL

No 2023, o 11,1% das empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede e/ou actividade en Galicia empregan IA, valor que segue a superar a media española. As empresas de 10 ou máis empregados con sede en Galicia quédanse no 7,4% de uso da Intelixencia Artificial. En ambos casos descende o uso desta tecnoloxía, ao igual que en España. Tamén baixa en 2023 o uso da Intelixencia Artificial nas de menos de 10 empregados/as, o uso queda no 2,2%, fronte ao 5,8% no resto de España.
Nas empresas de menos de 10 empregados, a IA utilízase case en exclusiva para tarefas de loxística (19,1%) e marketing ou vendas (15,2%). As grandes empresas utilizan a IA en múltiples tarefas, destacando sobre todo os “Procesos de produción” e “Loxística”, con valores próximos ou superiores ao 40%.
As solucións de IA máis empregadas polas empresas con 10 ou máis traballadores/as son as de “automatización de fluxos de traballo”, ou “análise de datos (aprendizaxe automática)”, mentres que entre as microempresas que utilizan IA, a solución que máis sobresae é “conversión de linguaxe falada en formato lexible para a máquina”. A segunda solución de IA máis utilizada polas microempresas é a “identificación de obxectos ou persoas en función de imaxes” cun 41,7%.

CLOUD COMPUTING

No ano 2023, a o uso de cloud computing mantívose estable respecto ao ano anterior. Úsano as empresas de 10 ou máis empregados con sede ou actividade en Galicia nun 31%, a menos dun punto porcentual do estado, co 31,7%. As empresas de menos de 10 traballadores apréciase un retroceso no último ano, que pasou do 12,3% ao 7,2%. O recurso máis utilizado é o e-mail. Entre as grandes empresas ocupa o segundo posto o almacenamento de ficheiros e o terceiro os servidores de bases de datos. Nas microempresas, o almacenamento de ficheiros ocupa o terceiro posto, no segundo está o “Software Office” (65,8%).

ANALÍTICA DE DATOS

O 35% das grandes empresas con sede ou actividade en Galicia realizan analítica de datos por parte dos seus propios empregados, mentres nas empresas do estado só o fan o 33,2%. Existen dúas fontes destacadas da analítica de datos. Tanto nas empresas de 10 ou máis empregados como de menos de 10, as fontes de datos máis utilizadas son:
Rexistro de Transaccións: detalles de ventas ou de pagos.
Datos sobre clientes: información de compras do cliente, localización, preferencias, valoracións e recomendacións, buscas ou datos do sistema de relación co cliente (CRM) ou do sitio web.


Categoría
Empresas
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades