O informe da sociedade da información nos fogares galegos é elaborado no marco do convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Instituto Galego de Estatística (IGE).
A información procede dun módulo da Enquisa Estrutural de fogares que desenvolve anualmente o Instituto Galego de Estatística. No ano 2024 a enquisa recolleu información de 7.829 fogares nos que residise cando menos unha persoa de 16 a 74 anos. Abrangue así un total de 15.721 persoas de 16 a 74 anos de idade.
O ano 2024 supón un novo paso adiante cara a unha Galicia máis conectada, cun aumento xeneralizado no uso de Internet, a contratación de conexións de maior velocidade e a adopción de novos dispositivos e hábitos dixitais en Galicia.
A porcentaxe de fogares galegos con Internet acada o 95,5% no 2024 (+1,3% respecto ao ano anterior). En termos absolutos, 924.162 fogares galegos onde reside algunha persoa de 16 a 74 anos ten contratado Internet, o que representa un incremento de 55.208 fogares nos últimos catro anos.
Esta tendencia tamén se reflicte nos concellos máis rurais, onde se acada o 90,6% de fogares conectados. Así mesmo, observouse un aumento significativo na contratación de conexións de alta velocidade: o 65,2% dos fogares contan con conexións superiores aos 100 Mbps, fronte ao 30% en 2021.
A dixitalización dos fogares e persoas segue medrando
En Galicia, arredor de 781.000 fogares contan cun ordenador de sobremesa, portátil ou dispositivo co que se pode navegar por internet, que é o 80,7% dos domicilios. A presenza de dispositivos dixitais nos fogares galegos aumentou un 2,5% desde 2021, mentres a nivel estatal baixou o 0,8% no mesmo período.
A presenza de dispositivos dixitais segue aumentando. Destaca o portátil como a clase de ordenador máis común (60,8%). As televisións intelixentes e dispositivos do Internet das Cousas tamén se consolidan, cun crecemento do 6,5% no último ano.
A tecnoloxía segue gañando espazo. Un exemplo salientable é a difusión dos televisores intelixentes, que xa están presentes no 59,1% das vivendas. A súa implantación aumentou un 6,7% respecto a 2023 e un 35,2% desde 2021.
A dixitalización individual tamén se intensifica: o 95,7% da poboación galega utiliza smartphones con acceso a Internet, e o número total de internautas ascende a 1.871.307 persoas, un 2,6% máis que no ano anterior. Este crecemento sitúa a Galicia por riba da media española e europea no aumento de usuarios activos desde 2021.
As actividades dixitais máis frecuentes inclúen a busca de información sobre bens e servizos (92,9%), as videoconferencias (92,9%), a lectura de noticias en liña (85,5%) e o uso da banca electrónica (81,6%).
Conexión a internet nos fogares: Mantense a evolución positiva da velocidade da Internet contratada
A contratación de Internet nos fogares galegos foi incrementándose nos últimos catro anos. En termos absolutos, 924.162 fogares galegos onde reside algunha persoa de 16 a 74 anos ten contratado Internet, o que representa un incremento de 55.208 fogares nos últimos catro anos.
Mantense o crecemento superior da contratación de internet nos fogares galegos de menos de 5.000 habitantes, acadando o 90,6% no 2024 (+1% respecto ao ano anterior) o que supón a incorporación de 3.264 fogares no último ano.
O 86,6% dos fogares galegos con conexión a Internet dispoñen dunha velocidade superior aos 30 Mbps, un incremento do 23,8% dende ano 2021.
A capacitación dixitalización da cidadanía galega segue en aumento
Un ano máis, o dispositivo electrónico máis estendido entre os galegos/as é o teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet (smartphone): o 95,7% da poboación galega emprega un smartphone. Hai un uso universal nas persoas de 16 a 44 anos mentres que, entre as persoas maiores de 65 anos, sitúase no 83,4%.
Existe un crecemento continuo do número de internautas galegos/as, que suben un 2,6% respecto ao ano anterior. En termos absolutos, 1.871.307 galegos/as de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, 113.114 internautas máis nos últimos catro anos.
Galicia incrementou os usuarios activos de Internet nun 5% dende o ano 2021, fronte ao 2% do conxunto de España e o 4,3% da Unión Europea.
Continúa o estreitamento das fendas dixitais da poboación
Un aspecto destacable é a redución das fendas dixitais, especialmente por idade. A porcentaxe de persoas entre 65 e 74 anos que usan Internet ascende ao 74,8%, cun incremento notable do 13,5% respecto ao ano anterior. Isto evidencia un avance importante na inclusión dixital dos colectivos tradicionalmente máis afastados das tecnoloxías.
Compras a través da rede, interacción coa administración pública e Ciberseguridade.
No ámbito das compras en liña, o 67,4% da poboación galega mercou por Internet en 2024, cun incremento do 5,5% desde o último ano.
A interacción coa Administración Pública a través de medios electrónicos tamén segue en alza, acadando o 86,6% dos internautas.
En canto á ciberseguridade, o 17% declarou ter sufrido algún incidente no último ano, o que mostra unha tendencia positiva na protección dixital da cidadanía.
Estes datos confirman que Galicia avanza cara a unha sociedade máis dixital, conectada e inclusiva, reducindo as desigualdades tecnolóxicas e potenciando o uso de Internet en todos os ámbitos da vida cotiá.
| Anexo | Tamaño |
|---|---|
| Informe fogares. Edición 2024. | 17.65 MB |
| Informe executivo fogares. Edición 2024 | 1.52 MB |