O informe da sociedade da información nos fogares galegos é elaborado no marco do convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Os resultados, obtidos a partir dos datos da Enquisa Estrutural a Fogares realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) reflicten unha sociedade cada vez máis conectada, cun maior uso dos servizos dixitais, unha progresiva incorporación das persoas maiores ao ámbito dixital e unha crecente presenza de dispositivos conectados nos fogares galegos. No ano 2025 a enquisa recolleu información de 7.792 fogares nos que residise cando menos unha persoa de 16 a 74 anos. Abrangue así un total de 15.827 persoas de 16 a 74 anos de idade.
Internet, un servizo practicamente universal nos fogares galegos
A porcentaxe de fogares galegos con acceso a Internet alcanza o 95,7%, o que supón un total de 926.797 fogares conectados. Desde 2021 incorporáronse máis de 57.800 fogares ao servizo, consolidando a conectividade como un elemento esencial da vida cotiá. Ademais, o 90,6% dos fogares con Internet dispón de velocidades superiores aos 30 Mbps, e o 74,2% conta con conexións de 100 Mbps ou máis, evidenciando a mellora da calidade das conexións.
As Smart TV lideran o avance do fogar dixital
Os fogares galegos avanzan cara a un modelo máis conectado e diverso. O 80,8% dispón de ordenador
As Smart TV están presentes no 65,2% dos fogares, cun crecemento do 10,3% respecto a 2024 e do 49,2% desde 2021. Tamén continúan gañando presenza os dispositivos da Internet das Cousas, como os altofalantes intelixentes, xa presentes no 18,1% dos fogares.
Preto de 1,9 millóns de internautas en Galicia
O 94,3% da poboación galega de 16 a 74 anos utilizou Internet nos últimos tres meses, o que representa preto de 1,9 millóns de internautas. Desde 2021 incorporáronse 127.429 novos usuarios, cun crecemento superior ao rexistrado no conxunto de España.
O smartphone segue sendo o dispositivo máis utilizado, empregado polo 95,7% da poboación.
As actividades máis habituais na internet continúan sendo as videoconferencias, as chamadas a través de Internet e a consulta de noticias e contidos informativos.
Avanza a inclusión dixital das persoas maiores
Os datos de 2025 amosan unha nova redución da fenda dixital por idade. O uso de Internet é practicamente universal entre a poboación moza, pero o avance é especialmente significativo entre as persoas maiores. No grupo de 65 a 74 anos, o 77,4% utiliza Internet, o que supón un incremento do 3,5% respecto a 2024.
Ademais a fenda de xénero é case inexistente: homes e mulleres presentan niveis de uso moi similares na maioría dos indicadores dixitais, con diferenzas inferiores a un punto porcentual.
Medra o comercio electrónico e a relación dixital coa Administración
O 69,3% da poboación galega realizou compras por Internet en 2025, un 2,8% máis que o ano anterior, mentres que entre os mozos e mozas de 25 a 34 anos a porcentaxe ascende ao 92,6%. Pola súa parte, a eAdministración continúa consolidándose: o 88,4% dos internautas galegos realizaron trámites ou xestións en liña coa Administración pública.
A ciberseguridade, un reto permanente
O 17,5% dos internautas galegos declara ter sufrido algún incidente de ciberseguridade nos últimos doce meses. Os datos poñen de manifesto a importancia de seguir reforzando a concienciación e as competencias dixitais da cidadanía.
Galicia, máis dixital e máis conectada
Os resultados de 2025 confirman a consolidación dunha Galicia máis conectada, dixital e inclusiva. O aumento do uso dos servizos dixitais, a expansión dos dispositivos conectados nos fogares, a mellora das infraestruturas e o avance da inclusión dixital das persoas maiores reforzan unha tendencia positiva de transformación dixital da sociedade galega.