Competencias dixitais da poboación galega. Ano 2025.

Fonte
OSIMGA E INE
Data
2026
Portada do informe de competencias

Este informe elabórase no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030, onde a capacitación dixital de toda a cidadanía é un obxectivo prioritario e dará lugar a unha “Sociedade Dixital Inclusiva, promovendo as competencias dixitais para non deixar ninguén atrás”.

Para a elaboración deste informe analizáronse os datos publicados en novembro do ano 2025, procedentes da “Enquisa sobre equipamento uso das tecnoloxías da información e as comunicacións nos fogares” realizada polo INE, que permite obter unha foto da situación actual das competencias dixitais en Galicia aplicando metodoloxías deseñadas por EUROSTAT e aplicadas en todo o ámbito europeo. 

Resultados

As competencias dixitais avanzadas rexistraron un incremento do 4,4% no último ano. A capacitación dixital da cidadanía é un eixo da Estratexia Galicia Dixital 2030 e, entre as medidas postas en marcha por Xunta de Galicia está o Marco Galego de Competencias Dixitais, que permite acreditar os coñecementos e habilidades dixitais a través do certificado ComDix. En 2025, un total de 42.414 galegos e galegas obtiveron esta certificación oficial emitida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).  

Converxencia co Estado

O informe sitúa a Galicia nunha posición intermedia‑alta no contexto europeo, con valores superiores á media da Unión Europea no indicador global de competencias dixitais, superando nun punto porcentual a suma de básicas e avanzadas. Ademais, mantense a redución sostida da distancia coa media estatal, especialmente nos niveis máis altos de capacitación, onde pasou de 2,9 a 1,2 puntos porcentuais de distancia.

En canto á análise por ámbitos,  as competencias relacionadas coa comunicación e a colaboración son as máis estendidas na Comunidade e que o 92,8% da poboación conta cun nivel básico ou avanzado neste eido, por riba da media europea.

A información e alfabetización de datos presenta resultados moi positivos en Galicia. En 2025, o 86,5 % da poboación dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, preto da media estatal

Destaca tamén a dimensión de seguridade dixital, na que Galicia acada unha das maiores vantaxes respecto da media europea. O 77,3 % da poboación dispón de competencias básicas ou avanzadas nesta dimensión e o 64,7 % en competencias avanzadas,  fronte ao  51,3 % de Europa

A creación de contidos dixitais segue a ser a dimensión con menor nivel de extensión tanto en Galicia como no conxunto do Estado. En 2025, o 68,1 % dos galegos presenta competencias básicas ou avanzadas neste ámbito, case ao mesmo nivel que a media europea (68,5) e  lixeiramente por riba en competencias avanzadas: 46,9% fronte ao 46,2% de Europa.


Categoría
Cidadanía
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades