Galicia dixital. O sector TIC en Galicia. Edición 2024.

Fonte
OSIMGA
Data
2025
portada tic 24

Informe

O estudo sobre a Sociedade da Información en Galicia realízase mediante a análise dunha enquisa realizada por OSIMGA en 2024 entre as empresas TIC galegas.  Recóllese a información mediante unha entrevista autoadministrada vía web ou con remisión de cuestionario vía correo postal, apoiada telefonicamente ou persoalmente para a súa cobertura. O tamaño da mostra foi de 465 entrevistas a empresas do sector TIC, aplicando unha segmentación por condición xurídica, tamaño da empresa e subsectores de actividade.

O sector TIC

O sector tecnolóxico galego segue a senda de crecemento dos últimos anos e rexistra a cifra máis alta de profesionais con 23.467 persoas empregadas. Galicia conta con 3.108 empresas TIC, unha cifra que  representa o 4,7% do total nacional e mantén á Comunidade na quinta posición estatal en número de empresas do sector.  

A nivel económico, o Valor Engadido Bruto do sector acadou os 1.806 millóns de euros en 2022 (último dato dispoñible), a cifra máis alta da serie histórica e que representa o 2,53% do PIB galego.  O volume de negocio das empresas tecnolóxicas galegas acadou os 3.714 millóns de euros, un 0,5% máis que o ano anterior.  Así se desprende do informe “Galicia Dixital: O sector TIC de Galicia 2024”, elaborado polo Observatorio para a Sociedade da Información de Galicia (Osimga).

Aposta polas tecnoloxías intelixentes e innovación

A presenza das tecnoloxías innovadoras no sector está encabezada pola intelixencia artificial, implantada en máis do 38,3% das empresas, especialmente na xeración de linguaxe natural, que empregan o 67,4% das que usan IA. Tamén destaca o uso de Big Data (35%) e do Internet das Cousas (36,6%), con dispositivos como sensores, cámaras e termóstatos intelixentes. Ademais van gañando presenza o uso de tecnoloxías como o Business Intelligence (48,6%) e o Blockchain (40,2%). No eido da innovación, o 36,8% das empresas tecnolóxicas desenvolveu actividades de I+D+i nos últimos tres anos e o 34,7% introduciu bens novos ou mellorados, un 20% máis que o ano anterior.

Respecto á ciberseguridade, o 26,3% das empresas TIC galegas ofrece servizos desta área.
 

Perfís profesionais e demanda

O informe do Osimga sinala que o 40% do persoal das empresas TIC galegas ten titulación universitaria STEM. Os titulados de ciclos formativos STEM ocupan o segundo lugar, cun 28,2% de traballadores no sector tecnolóxico, o que supón un crecemento do 35,5% respecto ao ano anterior. O 76,7% das empresas TIC galegas sinalan que é difícil ou moi difícil contratar profesionais especializados.

Crecemento do comercio electrónico e da formación

No último ano a porcentaxe de empresas do sector TIC galego que vende online creceu máis dun 2,5% e sitúase no 33,4% do total. A comercialización por este canle representa o 54,4% do seu volume de negocio. O 40,4% das empresas ofrece formación TIC ao seu persoal, un 11,9% máis que en 2023. A Intelixencia Artificial (59,1%) e a Ciberseguridade (50,8%) son as dúas áreas de maior interese formativo nas empresas tecnolóxicas.

Ferramentas tecnolóxicas

As ferramentas tecnolóxicas de xestión contable están presentes no 90% das empresas TIC, e o 69,6% emprega servizos de cloud computing (+9,4%). Respecto á conectividade, a fibra óptica é a tecnoloxía de acceso a Internet máis estendida contratada por 81,7% e case todas as empresas (97,1%) contan cunha velocidade igual ou superior a 100 Mbps. O 88,7% ten páxina web e o 46% está presente en redes sociais.
 


Categoría
Sector TIC
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades