Galicia dixital: o sector TIC en Galicia. 2025.

Fonte
OSIMGA
Data
2026
Portada do informe das empresas tic


O sector TIC galego consolida o seu crecemento

O sector TIC galego mantén unha evolución positiva, cun total de 3.179 empresas en 2024 (4,6% do Estado), o que sitúa a Galicia na quinta posición entre comunidades autónomas. No ámbito laboral, acada no 2025 as 23.993 persoas traballadoras, consolidándose como un importante xerador de emprego cualificado.

A estrutura do sector continúa concentrada nas actividades informáticas, que representan o 73,1% do emprego TIC. No ámbito económico, o sector xera máis de 1.983 millóns de euros de VEB (2,58% do PIB galego), mentres o volume de negocio medra un 5,9%, ata os 3.932 millóns de euros.

A Intelixencia Artificial lidera a adopción tecnolóxica e consolidación das tecnoloxías baseadas en datos e automatización

A Intelixencia Artificial consolídase como a tecnoloxía máis implantada, presente no 67,4% das empresas TIC, destacando o uso de ferramentas de xeración de linguaxe natural. No último ano crece un 76% a súa presenza no sector TIC.

Tecnoloxías como o Business Intelligence (52,4%), os chatbots (48,8%) e o blockchain (45,8%) presentan elevados niveis de implantación, evidenciando unha crecente madurez do sector. A robótica aparece no 11,9% das empresas do sector TIC, que a usan ou comercializan, pero crece un 83,1% no último ano.

A innovación continúa sendo un eixo clave: o 37,9% das empresas TIC desenvolveu actividades de I+D+i nos últimos tres anos. O 73,3% das empresas TIC que realizou I+D+i obtivo resultados comercializables como froito desas actividades.

Ademais, o 30,7% introduciu bens novos ou mellorados e o 52,4% servizos novos ou mellorados, destacando a orientación cara á innovación en servizos.

A fenda por xénero é notoria, especialmente nas tarefas estritamente TIC dentro das empresas. O 69% do persoal do sector TIC son homes. O 55,3% do persoal das empresas do sector son homes dedicados a tarefas TIC e o 18% mulleres. Entre o persoal dedicado a I+D+i, son homes o 76,4%.

Madurez dixital, infraestruturas e conectividade

O sector presenta un alto nivel de dixitalización. No 2025, o 71,4% das empresas utiliza cloud computing e máis do 93% ferramentas de xestión informática.

A infraestrutura tamén amosa un elevado desenvolvemento, con 87,8% de empresas con fibra óptica e un 98% con conexións de alta velocidade (máis de 100 Mbps). Ademais, o 91,8% interactúa directamente coa Administración pública por Internet.

A presenza dixital está plenamente consolidada: o 89,1% conta con páxina web, o 51,3% utiliza redes sociais e o 34% vende online, representando o comercio electrónico o 61,7% do volume de negocio.

Formación e ciberseguridade

O 39,6% das empresas desenvolveu accións formativas en TIC.  A formación que máis demanda o sector TIC é a de Intelixencia Artificial (70%), Ciberseguridade (51,5%), programación e desenvolvemento de software (47,8%), Tecnoloxías Big data ou de xestión do dato (42,1%) e Tecnoloxías Cloud (39,5%)

En paralelo, a ciberseguridade consolídase como prioridade: o 28,1% das empresas ofrece servizos neste ámbito e o 95,4% aplica medidas de seguridade informática.

O 32,3% das empresas do sector TIC indican que sufriron ataques ou incidentes de ciberseguridade. A incidencia máis numerosa, no 79% das empresas, é ataques de phising ou intentos de estafa. Séguenlle a distancia as suplantacións de identidade (22,7%), de denegación de servizo (15,6%) ou instalación de malware (13,2%). O 19,1% das empresas atacadas indica que sufriu algunha consecuencia. O 12,5% indica perda de produtividade, o 6,9% sufriu falta de servizos TIC, o 6,1% tivo gastos económicos adicionais, o 4,5% considera que sufriu dano reputacional e o 2,9% viuse afectado coa destrución ou perda de datos.
 


Categoría
Sector TIC
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades