A fonte de información empregada no informe é o Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Son datos estatísticos referidos ao ano 2023.
A información relativa ao equipamento e uso das tecnoloxías procede da Enquisa sobre uso das TIC e o comercio electrónico nas empresas do Instituto Nacional de Estatística (INE) facilitada a través do Instituto Galego de Estatística (IGE) en virtude do marco do convenio de colaboración asinado entre a AMTEGA e o IGE. A enquisa foi realizada en 2023 polo INE seguindo unha metodoloxía harmonizada cos organismos estatísticos oficiais da Unión Europea.
RESULTADOS
No ano 2023 hai en Galicia 128.966 autónomos/as, que representan o 6,5% do total dos/as autónomos/as de España.
A distribución por xénero é sensiblemente diferente en Galicia e a nivel estatal, cunha presenza relativamente maior da muller no colectivo galego. A fenda entre autónomos e autónomas en Galicia é de 16,4 puntos porcentuais mentres que a nivel estatal é dez puntos superior (26,4 puntos).
DIXITALIZACIÓN E USO DAS TICs
Durante o ano 2023 incrementouse o uso de ordenadores entre traballadores autónomos/as nun 4,1% respecto ao ano anterior.
O 54,4% dos autónomos/as conta cunha velocidade de conexión a Internet superior aos 100 Mbps (+3% respecto ao ano anterior).
No 2023, o 8,6% dos autónomos/as galegos/as venderon a través da Rede, o que representa un incremento do 115% con respecto ao ano 2019.
O 2,6% dos/as autónomos/as galegos/as empregan intelixencia artificial no 2023.
Entre as solucións de IA empregadas polos autónomos/as destacan as solucións de IA que converte a linguaxe falada en formato lexible por unha máquina (100%), de análise da linguaxe escrita (36,7%), e as IA que xeran linguaxe escrita ou falada (36,7%).
Respecto dos servizos de Cloud Computing, o 5,1% comprou este tipo de servizos no ano 2023. O valor é inferior ao anterior dispoñible, de 2021.