Galicia, economía en dixital. A sociedade da información nas empresas de Galicia

Fonte
OSIMGA
Data
2026
Portada do informe. Sociedade da información nas empresas, edición 2025

 

O informe “A sociedade da información nas empresas de Galicia” actualiza o seguimento e a avaliación anual dos indicadores relativos á dixitalización do tecido empresarial galego; mide a situación e a evolución dos equipamentos e usos das novas tecnoloxías e as comunicacións nas empresas galegas.

O estudo elabórase no marco do convenio de colaboración, asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estatística (INE) para optimizar a recollida dos datos relativos á Sociedade da Información nas empresas galegas.

O acordo de colaboración permite a OSIMGA acceder aos datos, que procedan da Enquisa de uso TIC e comercio electrónico nas empresas, que realiza o INE e son transferidos a través do IGE.

0 informe constata unha evolución positiva na contratación de servizos de Cloud Computing, que acada o 45,7% nas empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia, fronte ao 36,1% de 2024, e supera a media estatal, situada no 44,3%. Nas microempresas medra un 62,2% e chega ao 9,9%.

Ademais, o 42,4% das empresas de maior tamaño e actividade en Galicia realiza analítica de datos co seu propio persoal, cun incremento anual do 23,3%. Os rexistros de transaccións e os datos sobre clientes son os máis analizados.

Comercio electrónico

O comercio electrónico consolídase como outra canle da actividade empresarial. O 27% das empresas de 10 ou máis traballadores  con actividade en Galicia vende por Internet, un 1,9% máis que no ano anterior e lixeiramente por riba da media estatal, que se sitúa no 26,6%.

As vendas a través de páxinas web ou aplicacións propias son a principal canle do comercio electrónico e concentran o 89,8% das operacións en liña das empresas de maior tamaño que venden por Internet.

Talento dixital e teletraballo

Unha de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia conta con especialistas TIC. Entre as que empregan estes perfís, o 52,5 % conta con mulleres especialistas TIC, unha proporción claramente superior á media estatal, do 38,7%.

O teletraballo mantense implantado no 39,1% destas empresas, por riba da media estatal, situada no 37,4%. O 24,4% do seu persoal teletraballa regularmente, fronte ao 20% do conxunto de España.

TIC, sustentabilidade e investimento

O informe inclúe novos indicadores sobre o uso de solucións TIC para mellorar a sustentabilidade e medidas de reciclaxe. O 82% das empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia recicla os equipamentos TIC en contedores específicos. Ademais, o 28,1% emprega solucións TIC para reducir o consumo de enerxía e o 21,2% para diminuír o uso de materiais ou fomentar materiais reciclados.

En canto ao investimento en tecnoloxía, a ciberseguridade concentra as maiores partidas orzamentarias. As empresas de 10 ou máis traballadores  con sede e/ou actividade en Galicia destinaron máis de 669 millóns de euros á seguridade TIC e 70,6 millóns a sistemas de intelixencia artificial.

Nas microempresas, o gasto en seguridade TIC achegouse aos 47,4 millóns de euros e o investimento en sistemas de intelixencia artificial situouse en 2,3 millóns.


Categoría
Empresas
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades