Informe sobre o software libre nas empresas de Galicia
O obxectivo deste informe é actualizar a análise do nivel de implantación e uso do software libre nas empresas de Galicia, contribuíndo ao coñecemento e impulso dos modelos baseados en software libre e as súas vantaxes competitivas.
O estudo analiza en detalle, e cunha perspectiva sectorial e provincial, información cuantitativa sobre microempresas e de empresas de 10 e máis traballadores/as, relacionada cos principais indicadores de software libre.
Os datos proceden da “Enquisa sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas”, que realiza o INE anualmente.
As principais conclusións do informe son as seguintes:
A maioría das empresas galegas, sexan grandes ou pequenas, empregan software libre.
Case nove de cada dez empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede en Galicia (85,3%) empregan software libre.
No 2023, continúa a reafirmarse a importancia que ten a utilización do software libre nas microempresas de 0 a 9 empregados/as, onde 69,4% emprega solucións libres.
As tipoloxías de software libre que máis presenza teñen nas empresas galegas son os Navegadores de Internet, as Aplicacións Ofimáticas e os Sistemas Operativos.
Os Navegadores de Internet son o recurso de código aberto que máis destaca nas empresas galegas. Nas empresas de 10 ou máis empregados/as con sede en Galicia está presente no 96% das empresas que dispoñen de ferramentas de código aberto e nas microempresas nun 95,4%.
As aplicacións ofimáticas libres utilízanse nun 62,1% nas microempresas. Nas empresas de 10 ou máis empregados/as con sede na nosa comunidade o uso destas ferramentas acada o 72,6%.
Os sistemas operativos libres están presentes no 45,3% das microempresas galegas. Aparecen tamén nun 52,2% das empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede ou actividade en Galicia.
Por provincias, nas empresas de 0 a 9 traballadores, as empresas pontevedresas son as que máis empregan software libre, cun 73,5%. Nas empresas de 10 ou mais traballadores/as, as que teñen sede na provincia de Lugo son as que máis utilizan aplicacións con licenza libre (95,4%).