O galego en internet
O uso do galego entre os internautas galegos para navegar por internet tivo un crecemento relativo do 31,4% nos últimos cinco anos acadando o 6,7% no 2023 que navegan maioritariamente galego na web. Chega ata o 41% como lingua que se utiliza en internet, aínda que non sexa a principal.
O uso do galego está condicionado pola oferta en Internet nesta lingua. Cando a persoa ten opción de elixir a lingua, o 17,3% utiliza o galego sempre ou utiliza máis galego que castelán. Esta porcentaxe é máis do dobre entre os galego falantes, acadando o 37,4%. Cando se trata de usar internet principalmente para xerar, ver ou compartir contidos particulares (redes sociais), o descenso no uso do galego é claro, quedando no 17,4% en 2023 cando era do 26,3% en 2018. Con todo, o uso do galego está máis presente cando se pode elixir o idioma de acceso a navegación (18,1%), ao comunicarse coa administración electrónica (17,7%) e na participación nas redes sociais (16,9%). O uso do galego para ver contidos audiovisuais a través de Internet é só do 3,4% da poboación galega de 15 e máis anos que navegan por Internet, feito en estreita relación coa escasa dispoñibilidade de contidos na nosa lingua a través destas plataformas. Con todo, a poboación que desexa que haxa máis contidos en galego en internet segue a ser maioritaria, co 51,5%. Este indicador nunca foi interior ao 50% dende que se mide.
Uso do galego en internet, das persoas que falan galego habitualmente
Entre a poboación galega que fala máis galego que castelán, o idioma maioritario para navegar é o galego no 15,3% dos casos. Para este colectivo, o uso do galego está máis presente como lingua maioritaria cando se participa nas redes sociais (42,8%) nas web en que se pode elixir o idioma de acceso á navegación (37,6%) e na administración electrónica (34,6%).
Perfil da poboación que utiliza o galego en internet
No 2023 son os homes, e as persoas con idades comprendidas entre os 25 e 34 anos e dos 40 aos 44 anos, os que máis utilizan o galego cando navegan por internet. Os galegos/as que teñen menos estudos e ocupados dentro do mercado laboral son os que máis utilizan a lingua galega na navegación por internet acadando un 7,9% do uso nos galegos/as con estudios de secundaria ou inferior e o 7,3% das persoas ocupadas. Considerando as características territoriais, o galego na rede é mais empregado nos concellos galegos de menor tamaño. O uso do galego cando a páxina web ten a posibilidade de elixir está relacionada coas habilidades dixitais da poboación. Os valores por enriba do 20% están entre os 20 e os 44 anos e tamén na educación superior. O uso do galego onde se pode elixir a lingua na que se quere navegar é mais común entre as persoas ocupadas e cun nivel de ingresos superior.