O informe presenta comparativas de dixitalización por xénero en base aos datos da Enquisa Estrutural a Fogares (IGE), en colaboración co Instituto Galego de Estatística (IGE).
Uso de Internet e comercio electrónico
As mulleres que declararon utilizar internet nos tres meses previos á enquisa acadan o 91,7% superando aos homes en 4 décimas. O acceso de homes e mulleres á rede é case universal ata os 44 anos. A partir de aí, hai unha lixeira vantaxe das mulleres.
O uso do comercio electrónico en Galicia amósanos unha lixeira vantaxe de 2 puntos porcentuais por parte dos homes. A idade é un factor condicionante á hora de adquirir un ben ou servizo en liña. Así, nesta edición obsérvase que, entre os menores de 44 anos, son as mulleres as que máis utilizan a Rede como canle de compras, superando en máis de 3 puntos aos homes. O uso iguálase entre os 45 e os 54 e invértese nos grupos de maior idade (de 55 a 74 anos), onde os homes usan o comercio electrónico cunha frecuencia que supera en máis de 5 puntos ás mulleres.
Uso de dispositivos dixitais conectables a internet
O 93,1% das mulleres usaron nos últimos tres meses dispositivos electrónicos que se poden conectar a internet, 0,6 puntos máis ca os homes. O uso é practicamente idéntico e universal por xéneros ata os 44 anos. Dos 45 anos en adiante, baixa o seu uso en ambos xéneros pero as mulleres superan aos homes en máis dun punto en todas as franxas destas idades.
Comportamento na rede
As mulleres realizaron máis actividades de aprendizaxe na rede que os homes, tanto comunicarse con profesores e alumnos (+ 6,3) coma realizar cursos (+2,9).
Tamén usan máis internet as mulleres ca os homes para concertar unha cita médica, cunha diferenza de case dez puntos (71,7% fronte a 61,9%). Tamén buscan máis información sobre saúde e acceden a arquivos persoais ou a outros servizos de saúde a través dunha páxina web (55,8% fronte ao 45,8%). Superan en ambos casos nuns 10 puntos porcentuais aos homes.
| Anexo | Tamaño |
|---|---|
| Mulleres en dixital. O uso das TIC desde unha perpectiva de xénero. Edición 2024 | 3.17 MB |