O OSIMGA publica a nova edición do informe sobre a "Modernización tecnolóxica no rural". Os datos proceden da enquisa estrutural a fogares que realiza anualmente o IGE.
Máis fogares con ordenador e dispositivos
Nos últimos anos, o equipamento informático nos fogares rurais de Galicia experimentou un crecemento notable. A presenza de ordenador —xa sexa fixo ou portátil— e doutros dispositivos como tablets é cada vez máis habitual, achegándose aos niveis das áreas urbanas. Esta tendencia confirma que a dixitalización avanza no rural, aínda que con diferenzas internas que cómpre ter en conta.
A conectividade consolídase
En 2024, a contratación de internet e banda larga no rural galego consolídase como un servizo esencial, alcanzando cifras históricas. Por primeira vez, supera o 91% (91,9%). Este avance achega o rural á media galega, situada no 95,5%, reducindo de forma notable a brecha coa contorna urbana. Ademais, nos fogares con tres ou máis persoas a contratación supera o 98%, mentres que nos fogares unipersoais baixa ata o 78,5%, o que evidencia que a conectividade é xa maioritaria e segue a medrar con forza.
Mocidade galega: liderado en comercio electrónico e e-administración
O uso de Internet no rural galego continúa medrando e consolídase como unha práctica habitual na maioría dos fogares. Non se detecta fenda de xénero: a porcentaxe é practicamente idéntica entre homes e mulleres, incluso lixeiramente superior no caso das mulleres (90,6% das mulleres do rural son internautas). As principais diferenzas aparecen coa idade. Entre os 16 e os 44 anos, case todas as persoas do rural declaran usar Internet (por riba do 99%), e no tramo de 45 a 54 anos a cifra mantense moi alta, cun 97,2%. A partir dos 55 anos, a porcentaxe baixa ata o 89,7%, e no grupo de 65 a 74 anos sitúase no 63,6%, o que confirma que a idade segue a ser o factor máis determinante no acceso e uso da rede.
O 56,2% das persoas do rural compran por internet, ao subir 3,5 puntos no último ano. Por debaixo dos 45 anos xa compra por internet máis do 80% da poboación do rural.
O 82,1% das persoas que viven no rural interactuaron coa administración a través de internet, superando xa o 56% en todos os tramos de idade.