Galicia dixital: a modernización tecnolóxica no rural. Edición 2023

Fonte
OSIMGA
Data
2024
portada rural 2024

O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) publica o informe sobre a “Modernización tecnolóxica no rural”

RESULTADOS

O uso de dispositivos electrónicos supera o 95% en todos os tramos de idade entre 16 e 54 anos, e baixa ao 60,4% no caso das persoas de entre 65 e 74 anos.
A idade é a principal condicionante da evolución da modernización tecnolóxica nas áreas do rural de Galicia nas que, por primeira vez, a contratación de internet de banda larga superou o 90% en 2023, segundo se desprende dos datos incluídos no informe que ven de publicar o Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA).

A contratación de internet de banda larga medrou dende un 69,4% en 2016 ata o 90,3% de 2023, o que implica un crecemento de máis dun 30%. A porcentaxe achégase cada vez máis a media de Galicia, que está nun 94,3%, o que indica que se está a reducir a fenda entre os ámbitos rurais e urbanos. A contratación de internet do rural está por riba do 96% no caso de fogares con tres ou máis persoas, pero baixa ata o 74,3% no caso dos fogares nos que soamente vive unha persoa.

A porcentaxe de persoas que usan dispositivos electrónicos no rural é practicamente o mesmo entre homes e mulleres, mesmo lixeiramente superior no caso das segundas (87,9% fronte ao 87,5%), polo que non hai fenda de xénero.

As diferenzas principais teñen que ver coa idade. Practicamente todas as persoas do rural de entre 16 e 44 anos (por riba do 99%) declaran usar dispositivos electrónicos. A porcentaxe é tamén moi significativa no caso das persoas de entre 45 e 54 anos (un 95,6%). Pero esta porcentaxe baixa ata o 87,2% entre os 55 e os 64 anos; e ao 60,4% no tramo de entre 65 e 74 anos.

Máis da metade das persoas do rural que usan internet fan compras por esta canle, fronte ao 72,3% que o fan nas áreas urbanas. Sen embargo, cerca do 90% das persoas do rural de entre 25 e 34 anos compran por internet, unha cifra que contrasta co 10,3% das persoas de entre 65 e 74 anos.

Os datos para a elaboración desde informe proveñen da Enquisa Estrutural de Fogares do Instituto Galego de Estatística.
 

Documentos

Categoría
Cidadanía
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades