A administración dixital na Xunta de Galicia. 2025

Fonte
OSIMGA
Data
2025
Portada administracion xunta 2025

A administración electrónica, dixital ou eAdministración é o conxunto de solucións que permite á cidadanía e ás empresas poder relacionarse coas administracións públicas a través de medios electrónicos, aproveitando as canles e ferramentas dixitais. Achega vantaxes para ambos, reducindo custes, facilitando o acceso aos trámites e aforrando tempo e recursos públicos.

Este informe analiza a administración dixital da Xunta de Galicia. A metodoloxía do estudo quedou definida no proxecto técnico 41-301 de Estatística sobre administración electrónica da Xunta de Galicia , que está incluído no plan Galego de Estatística 2022-2026 da lei 16/2021 de 20 de decembro e nos sucesivos programas estatísticos anuais. 

As unidades elementais son os recursos dixitais dispoñibles na administración autonómica de Galicia e o orzamento TIC. Así, calcúlanse indicadores que miden a oferta e a demanda dos recursos dispoñibles:

  • Indicadores de oferta: % de procedementos administrativos con tramitación electrónica, nº de servizos dispoñibles no nodo de interoperabilidade, nº de notificacións electrónicas e nº de conxuntos de datos dispoñibles no portal de Open Data.
  • Indicadores de demanda: nº de persoas distintas con notificación electrónica, número de usuarios activos distintos na principal aplicación para realizar xestións en dispositivos móbiles da Xunta de Galicia, nº de visitas a páxinas web, nº de páxinas visitadas, nº de usuarios dos diferentes servizos ou seguidores en redes sociais, porcentaxe de presentacións de suxestións, queixas e información pública realizadas electrónicamente e nº de descargas anuais de conxuntos de datos dispoñibles no portal de Open Data.

Presentación electrónica: oferta

O 100% dos procedementos da administración autonómica destinados á cidadanía, empresas entidades sen ánimo de lucro e entidades locais xa se poden presentar de xeito electrónico. 2.195 procedementos puideron iniciarse de xeito electrónico, 65 procedementos máis que o ano anterior, un crecemento do 3,1% Destes procedementos, 1.380 estaban dirixidos á cidadanía. O 99,1% de axudas e subvencións poden solicitarse por vía electrónica. O 95% dos procedementos contan ou superan o nivel de tramitación dixital básico. O 27,5 % teñen como mínimo o nivel completo, e o 0,5% avanzado

Presentación electrónica: demanda.

O número de expedientes iniciados na sede electrónica da Xunta aumentou un 1,8% no último ano ata 1.495.954 en 2024. O número total de persoas usuarias activas en Chave365 en 2023 ascendeu a 1.546.506, un 2,3% máis que o ano anterior. As principais redes sociais achegan 3.662.125 persoas seguidoras da Xunta de Galicia

Xestións electrónicas: o funcionamento da administración

O 81,5% das suxestións, queixas ou solicitudes de información realizáronse por vía electrónica. No ano 2024, puxéronse a disposición das persoas interesadas 1.935.131 notificacións na plataforma notifica.gal que supón un 12,8% de incremento respecto ao ano 2023.  26.855 persoas contaban en 2024 con tarxetas intelixentes de empregadas públicas para a identificación e a sinatura electrónica. Durante o ano 2024 asináronse electronicamente máis de 11 millóns de documentos a través da plataforma corporativa de sinatura, polo que se mantén a tendencia ascendente dos últimos anos. No 2024, o 85,5% das entradas no Sistema único de Rexistro da Xunta de Galicia foron electrónicas, ao ascender a 3.093.748 rexistros electrónicos sobre un total de 3.618.610 entradas no sistema de rexistro.

Presenza webs e redes

O portal web institucional da Xunta de Galicia, referente dos servizos da Administración pública galega en Internet, recibiu en 2024 unha media de 866.950 visitantes mensuais distintos, que viron máis de 1.707.290 páxinas mensuais. 
Pola súa banda, a sede da xunta de Galicia recibiu un promedio de 790.394 visitas mensuais.
As principais redes sociais achegan 3.662.125 persoas seguidoras da Xunta de Galicia, crecendo en máis de seiscentas mil nun só ano.

Open data

O número de conxuntos de datos postos a disposición da cidadanía a través do portal OPEN DATA á fin de 2024 era de 533, dos cales se realizaron 25.799 descargas. Os conxuntos de datos maioritarios adscríbese ás temáticas “Economía, empresa e emprego” e “Territorio, vivenda e transporte”.
O portal acumula máis de 160 mil descargas desde a súa publicación en 2012, 25.799 no ano 2024.

Uso da administración electrónica 

O uso da administración electrónica en Galicia é parella ao nivel media estatal entre as persoas particulares. O 82,9% das persoas internautas galegas contactaron coas administracións por Internet ou unha app no último ano.
Máis do 66% das persoas internautas galegos utiliza a administración electrónica para concertar citas ou reservas online e o 62,9% fai algunha interacción relacionada co accesos á información. Galicia supera a media estatal en concertación de citas, acceso á información persoal almacenada e acceso a base de datos ou rexistros públicos. Os usos da administración electrónica que máis crecen en Galicia son accesos a información persoal (7,2%), concertación de citas ou reservas (3,7%) e solicitar algún documento ou certificado dixital (2,2%).
 


Categoría
eAdministración
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades