Máis do 84% dos concellos emprega software libre no seu equipamento tecnolóxico

grafica sl
Data
29/03/2025
  • Máis do 51% das entidades municipais contan con aplicacións libres nos ordenadores e máis do 46% nos servidores
  • As aplicacións de sistemas de información xeográfica, obras, urbanismo e contratación son nas que máis usan as licenzas libres
  • Tres de cada catro concellos demanda formación en software libre para os seus empregados

O 84,1% dos concellos dispón de software libre nalgún equipo informático, ben nos ordenadores de usuario, ben nos seus servidores. O software libre ten maior implantación nas aplicacións de ordenador, coas que contan o 51,5% dos concellos, mentres que nos servidores, as aplicacións libres atópanse no 46,4% das entidades locais.

Estes datos son parte do informe bianual “O Software Libre nos concellos de Galicia”, que publica o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Uso de software libre nos concellos

Respecto ao uso do software libre segundo o tipo de aplicación, o informe sinala que nos antivirus a maioría é privativo (75,2%), mentres que o 37,3% de concellos dispón de navegadores só de licenza libre e o 31% conta, tamén, cun xestor de correo electrónico exclusivamente libre.

No que respecta ás aplicacións especializadas nas distintas áreas e funcións municipais, nas que máis está presente o software de licenza libre é en sistemas de información xeográfica (47,1%), obras (37,3%), urbanismo (37,1%) e contratación (35,1%).

O 52,5% dos concellos de Galicia que contan con xestor de contidos de portais e páxinas web opta polo software de licenza libre e o 57,6% dos dispoñen de portal corporativo con documentos descargables, emprega exclusivamente estándares abertos.

O futuro do Software Libre nos concellos

En canto ás razóns para non implantar este tipo de software, o argumento que apunta o 36,8% dos concellos é a complexidade ou risco de cambio.

Cómpre destacar que a principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia, concretamente o 74,1% das entidades locais, se interesan por esta capacitación.


A maioría dos concellos opina que o Software Libre manterá o uso que posúe na actualidade, alo menos durante os próximos dous anos.

Os resultados detallados do informe poden ser consultados aquí.

Temática
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades