O informe Rapaciñ@s dixitais elabórase mediante información do módulo de novas tecnoloxías da enquisa estrutural aos fogares, que desenvolve anualmente o Instituto Galego de Estatística (IGE), e vai dirixida á poboación máis moza, á de 5 a 15 anos. Para coñecer a dixitalización deste colectivo, a información foi proporcionada polos adultos titores e trata sobre acceso a teléfonos móbiles, uso de tablets e ordenadores, frecuencia de uso de internet e actividades realizadas na internet. Engádese información da mesma enquisa sobre equipamentos dos fogares nos que residen rapaciñ@s e tamén datos de fontes secundarias, sobre equipamentos nos centros educativos.
O 84,3% das persoas de Galicia de 5 a 15 anos utilizou dispositivos electrónicos nos últimos 3 meses, e a porcentaxe sube ata o 94,8% no caso das de 10 a 15 anos. Son datos do estudo “Rapaciñ@ dixitais. Edición 2024” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia indican que o nivel de dixitalización nestas idades recupera a tendencia ascendente tras a baixada detectada en 2023.
En todos os indicadores de dixitalización, as diferenzas de xénero son mínimas. Case todos os datos indican un nivel de dixitalización superior nas vilas de tamaño medio, dos 5.000 aos 20.000 habitantes. A provincia con maior índice de dixitalización entre as persoas de entre 5 e 15 anos é Pontevedra.
Os datos proceden da Enquisa Estrutural aos Fogares que realiza o IGE, que cede os datos a OSIMGA en virtude do acordo de colaboración.
A maioría teñen acceso á rede desde idades temperás
O 83,6% dos nenos e nenas de 5 a 15 anos conectáronse algunha vez a internet e o 83% fíxoo nos últimos tres meses. Entre os de 10 a 15 anos, a porcentaxe supera o 94%.
Por idades, as rapazas de 5 a 9 anos incorpóranse antes á rede ca os rapaces, pero entre os 10 e 15 anos a diferenza desaparece. Nos fogares en risco de pobreza, o uso de internet é incluso superior á media.
Pontevedra lidera o nivel de uso de internet entre a xente máis nova. O 88% dos nenos e nenas de 5 a 15 anos navegaron por internet nos últimos tres meses. Entre os concellos galegos con maior número de habitantes, Ourense, Pontevedra, Ferrol, e Vigo superan o 87% de persoas de esas idades que se conectaron a internet nos últimos tres meses. As dos concellos que teñen entre 10.000 mil e 20.000 habitantes son as máis conectadas.
Usos da internet e dispositivos
O smartphone incrementa a súa presenza entre os 5 e os 15 anos ata o 61,3%. O ordenador mantén un uso do 62,3%, e case todos todas as persoas que declaran empregalo conéctanse á rede (59,9%).
As actividades máis frecuentes son videochamadas (73,1%) e cursos en liña (66,7%). Pero tamén crecen máis de 8 puntos a busca de información (52,1%) e ler novas (34,6%), o que reflicte unha diversificación dos usos dixitais.
Mocidade galega: liderado en comercio electrónico e e-administración
Os mozos e mozas de 16 a 34 anos superan o nivel de uso de internet da poboación xeral. A excepción das actividades relacionadas coa saúde ou o emprego da banca electrónica, onde os maiores de 35 anos son máis activos. Porén, a mocidade internauta supera ás persoas de máis idade en actividades tales coma “copiar, mover ficheiros ou carpetas”, onde rexistran 28 puntos porcentuais máis que a poboación de 35 a 74.
O 86,4% da mocidade galega realiza compras por internet, o que supera en máis de 24 puntos á poboación maior de 35 anos.
Tamén lidera o uso da administración electrónica, con vantaxes de 10 puntos porcentuais respecto dos outros grupos de idade.
En ciberseguridade, o 17,9% dos mozos e mozas declarou que sufriu algún incidente no último ano, case un punto máis que a media global (17%)
Galicia, entre as comunidades mellor equipadas para a educación dixital
Nos fogares con escolares, a presenza de ordenadores supera en 18,2 puntos á media da poboación que non convive con persoas en idade escolar. Tamén destaca a dispoñibilidade de tablets, consolas con acceso a internet e smart TV.
Nos centros educativos, Galicia ocupa o segundo posto en implantación de entornos virtuais de aprendizaxe, o cuarto en aulas con sistemas dixitais interactivos e o quinto en conexións superiores a 100 Mbps. A ratio de alumnos por ordenador é de 2, mellor que a media estatal (2,6).