O informe do uso do software libre no sector TIC de Galicia elabórase grazas aos datos da enquisa ao sector TIC que realiza anualmente a propia OSIMGA
O 86,9% das empresas TIC galegas dispoñen de software libre nalgún dos seus equipos informáticos, o que supón un incremento do 2,7% respecto ao ano anterior.
O informe revela que máis da metade das empresas que xa dispoñen de solucións libres avanzan cara a modelos mixtos: o 57,4% emprega tanto ou máis software libre ca privativo, un indicador clave do seu uso efectivo nas organizacións. Nos servidores, ámbito crítico das infraestruturas tecnolóxicas, o 50,8% utiliza maioritariamente software libre, e un 27,7% faino de maneira exclusiva.
As aplicacións libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet, as aplicacións ofimáticas, xestor de contidos web e xestor de correo electrónico, todos eles co 49% ou máis.
Diferencias por provincias e sectores de actividade
O informe identifica as provincias de Ourense (96,3%) e Lugo (95,5%) como os territorios cunha maior implantación do software libre. Ademais, constata que as empresas con actividades en Galicia pero con sede fóra presentan maior uso relativo de software privativo.
En canto a presenza nas empresas, as dos sectores Outros Servizos TIC e Actividades Informáticas encabezan a dispoñibilidade de solucións libres, superando o 89%. En canto ao uso, por sectores destaca o das Telecomunicacións, onde máis do 80% das empresas con solucións libres utilizan prioritariamente este tipo de software.
As empresas TIC como provedoras de solucións libres
O 46,7% das empresas TIC galegas ofrecen produtos ou servizos de software, e case a metade delas (46,2%) comercializan solucións de software libre, con especial intensidade nas provincias de Lugo e Ourense.
As principais vantaxes que os clientes perciben no software libre son o menor custo (80,4%), a capacidade de personalización e a independencia do provedor.
Retos pendentes do Software Libre
O informe identifica aínda algunhas barreiras clave para a adopción do software libre por parte dos clientes, como o descoñecemento da tecnoloxía (50,7%), a falta de formación (37,6%), ou que declaran problemas de compatibilidade cos sistemas actuais (36%).
Aínda así, o estudo destaca que Galicia conta cun ecosistema TIC preparado e cada vez máis especializado, no que o software libre se consolida como un elemento central para a innovación e a soberanía tecnolóxica.
| Anexo | Tamaño |
|---|---|
| Informe: sofware libre no sector TIC. Edición 2024. | 1.67 MB |
| Informe executivo: sofware libre no sector TIC. Edición 2024. | 2.07 MB |