A redución da fenda dixital de xénero como prioridade nos estudos elaborados polo OSIMGA

Data: 
25/04/2013

O día 25 de abril celebramos o "Día Internacional das Rapazas nas TIC" (Girls in ICT), promovido e coordenado pola ITU (International Telecommunications Union).
Hoxe, como todos os días, o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) realiza un seguimento continuado dos indicadores de implantación das TIC atendendo á perspectiva de xénero, presentando os datos máis actualizados sobre a presenza das mulleres no sector empresarial TIC e as súas funcións no cadro de persoal das empresas en Galicia, coa finalidade de impulsar liñas de actuación encamiñadas a reducir a fenda de xénero e lograr a igualdade social en todos os ámbitos académicos e profesionais.
Conscientes de que aínda queda un longo camiño que percorrer, achéganse as propostas en materia de igualdade nas TIC recollidas no Plano do goberno galego para a igualdade entre mulleres e homes e na Axenda Dixital 2014.gal referidas á participación e o empoderamento das mulleres na Sociedade da Información, na procura de diminuír a fenda dixital de xénero e garantir o acceso ás TIC das mulleres de cara á súa incorporación ao mercado laboral, especialmente nos pequenos núcleos de poboación e no medio rural:
1. Ampliar a rede de comunicacións de telefonía fixa, móbil e cable, na procura de chegar ao maior número de fogares monoparentais encabezados por mulleres e ás empresas dirixidas por mulleres, a través do desenvolvemento do Plan de Banda Larga e das subvencións para a conexión a Internet vía satélite nos lugares con maiores dificultades de cobertura.
2. Divulgar e levar a cabo programas formativos orientados a mulleres e asociacións de mulleres, establecendo accións formativas que incentiven unha maior participación das mulleres nas ensinanzas técnicas relacionadas coas TIC e na I+D+i.
3. Desenvolver campañas de divulgación que faciliten o acceso e mellora da situación laboral das mulleres e das asociacións de mulleres, especialmente nos postos directivos e de toma de decisións.
4. Potenciar o Centro Demostrador TIC de Galicia como espazo de emprendemento para que as mulleres poidan desenvolver proxectos empresariais e tecnolóxicos.
5. Fomentar a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Cemit) para impulsar as TIC e a Sociedade da Información entre as mulleres, con especial sensibilidade cara o colectivo feminino e as persoas maiores no medio rural.
6. Dar continuidade á colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, para seguir publicando novos cadernos temáticos centrados na incorporación das mulleres tecnólogas ao mercado laboral.
Poden consultarse os datos do informe As mulleres na Sociedade da Información na seguinte ligazón.