META-NET considera que as tecnoloxías da linguaxe poden converter a diversidade idiomática de Europa nunha vantaxe competitiva no horizonte do ano 2020. Así o indica o documento de investigación titulado “Strategic Research Agenda for Multilingual Europe 2020” no que participa o Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo.
A Axenda defende a necesidade de apostar pola tecnoloxía multilingüe para salvagardar o uso de idiomas como o galego nas TIC e recomenda que os esforzos en investigación académica e desenvolvemento industrial contemplen iniciativas encamiñadas aos servizos “cloud” de tradución de alta calidade para linguaxe oral e escrita, a participación electrónica colectiva e os asistentes interactivos que permitan a comunicación dos usuarios a través da voz en diferentes idiomas.
Na rede internacional META-NET intégranse 60 centros de investigación de 34 países, dedicados a sentar os fundamentos tecnolóxicos da Sociedade da Información multilingüe. Previamente a esta axenda estratéxica, a rede publicou unha serie de libros brancos sobre a situación de 30 linguas, como é o caso do libro titulado “O idioma galego na era dixital”.
Pode consultarse a axenda na seguinte ligazón