Radiografía do uso das TIC nas Pemes e Autónomos 2013

Data: 
13/06/2013

SAGE publica os resultados dunha enquisa realizada a empresas e autónomos sobre o uso das TIC a nivel estatal no ano 2012.
A “Radiografía Pymes y Autónomos 2013” destaca as vantaxes da incorporación das TIC para as empresas e os autónomos, tanto na xestión interna como nas relacións cos clientes e provedores.
A adquisición de equipamentos informáticos nas empresas enquisadas por SAGE segue a incrementarse. A utilización de dispositivos móbiles Smartphone experimentou un crecemento interanual próximo aos 20 puntos porcentuais, pasando do 29% a 48%, o que demostra a tendencia cara un maior uso da tecnoloxía móbil de voz e datos no sector empresarial.
Os resultados dos indicadores TIC varían en función do volume de traballadores/as da empresa e do sector de actividade. O informe identifica diferenzas a nivel territorial, agrupando Galicia e Asturias na rexión noroeste.
SAGE afirma que un 45% dos autónomos e o 40% das pequenas e medianas empresas estatais aínda non dispoñen de páxina web. As redes sociais consolídanse como ferramentas de relación cos clientes e incrementa o uso de servizos “cloud”. Por outra banda, estímase que só o 16% dos autónomos e o 15% das Pemes venden por Internet.
O informe destaca o incremento das relacións telemáticas das empresas coas administracións públicas no período 2011- 2012. A presentación de formularios oficiais por esta vía pasou do 18% ao 24% no caso dos autónomos; e do 33% ao 38% nas pequenas e medianas empresas.
Pode descargarse o informe completo na seguinte ligazón:
http://www.sage.es/Sobre_Sage/Observatorio_Sage/Radiografia_de_la_Pyme_2013