As PEMES e grandes empresas galegas superan a media estatal no uso da intelixencia artificial

Data: 
03/06/2023
  • Empregan solucións de IA preto do 15% das empresas deste segmento, 3 puntos por riba do conxunto do Estado 
  • A porcentaxe de microempresas que utilizan esta tecnoloxía é do 4,6%, a mesma que a media española
  • O 11,4% das grandes empresas con sede en Galicia empregan Big Data, 2 puntos máis que en 2021
  • O 20% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas contrata especialistas tecnolóxicos, superando á media estatal, que se sitúa no 17%
  • Crece a porcentaxe de mulleres especialistas TIC, que supera o 55% de pemes e grandes empresas e acada o 47% nas microempresas
  • No último ano a venta online incrementouse un 36% nas microempresas 

Galicia supera a media estatal no uso da intelixencia artificial nas pemes e grandes empresas. O 14,8% das empresas de 10 ou máis persoas empregadas utilizan IA, tres puntos máis que o conxunto do Estado.  A porcentaxe de microempresas galegas que aplica esta tecnoloxía sitúase no 4,6%, unha cifra idéntica á da media española.

As solucións de IA máis empregadas nas pemes e grandes empresas son as relativas á automatización de fluxos de traballos e toma de decisións, así como a conversión da linguaxe falada en formato lexible por unha máquina. Nas empresas de menos de 10 persoas empregadas sobresae o seu uso para converter a linguaxe falada en formato lexible por unha máquina.

Son datos recollidos no informe “Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2022, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O informe sinala tamén a evolución positiva no uso de Big Data, tanto as empresas de máis de 10 persoas empregadas como nas microempresas, que acadaron un 11,4% (2 puntos máis que o ano anterior) e un 3,7%, respectivamente. 

Por outra banda, o emprego de robots por parte das empresas galegas xa ten valores próximos ao 8%, dato similar ás media estatal. Das grandes empresas que utilizan robots, máis do 85% son robots industriais e arredor dun terzo son robots de servizo.

Talento Dixital

O 20% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas contratan especialistas TIC fronte á media estatal que se sitúa no 17%. No caso das microempresas, a súa presenza é moito menor (1,3%), pero en termos similares aos valores que rexistra o resto do Estado, que é dun 1,2%.

Ademais, crece a proporción de mulleres especialistas TIC nas empresas galegas. O 55,4% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas que contan con perfís TIC emprega mulleres para estes postos, o que supón un crecemento relativo do 5,9%. No caso das microempresas, a contratación de mulleres especialistas TIC acada o 47% fronte ao 41,7% do ano 2021, rexistrando un incremento do 12,7% no último ano e máis do 100% en dous anos.

Ciberseguridade

O 52% das microempresas utiliza algún tipo de sistema de seguridade e nas grandes empresas supérase o 88%. As medidas de seguridade TIC empregadas con maior frecuencia polas empresas galegas, tanto as grandes como as pequenas, son a copia de seguridade de datos nunha localización separada e unha autenticación mediante contrasinal forte e o control de acceso á rede.

Presenza en Internet

No 2022, un 79,5% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregados teñen web propia fronte ao 77,9% da media estatal. No caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 31%, en valores similares á media estatal (31,8%).

O uso de redes sociais estabilízase, cambiando a tendencia ascendente dos anos anteriores e situándose nun 36,5% nas empresas de 0 a 9 traballadores e nun 61,2% nas empresas de 10 ou máis traballadores.

Comercio electrónico

As cifras de vendas do comercio electrónico mantéñense en porcentaxes moi similares ás do ano anterior. O cambio máis destacable é o aumento nun 36% de microempresas que venden por internet.

En canto á procedencia dos clientes das vendas por Internet, a maioría corresponde ao territorio español. Non obstante, cabe salientar que o 17,3% da vendas en liña das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede na nosa Comunidade producíronse a países da Unión Europea e o 13,5% a outros países que non pertencen a UE. 

Conectividade

Ao igual que se ven observando nos últimos anos, a contratación da Internet no 2022 acada a práctica totalidade das empresas de 10 ou máis persoas empregadas e nas microempresas sitúase no 80,3%.

Respecto á velocidade contratada, as empresas de 10 ou máis traballadores con conexións de 100Mbs ou máis sitúase no 71% e as micorempresas acadan o 57,7%.

Por outra banda, o informe recolle o  gasto total en TIC das empresas galegas durante o 2022 que superou os 373 millóns de euros. As microempresas destinaron o seu maior orzamento TIC ao gasto en software estándar ou a medida e bens ou servizos TIC mentres o gasto principal das pemes e grandes empresas foi o gasto en servizos e consultas tecnolóxicas.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.gal