O uso de internet é practicamente universal en Galicia en persoas de ata 45 anos e, a partir desa idade, o uso das mulleres supera ao dos homes

europa internet
Data
18/01/2025
  • O 91,7% das mulleres galegas declara que utilizou a rede nos últimos tres meses, fronte ao 91,3 dos homes
  • O 93,1% das mulleres usaron dispositivos electrónicos conectables a internet, unha porcentaxe que tamén é superior ao do seu uso por parte dos homes
  • Tamén utilizan máis o comercio electrónico ata os 44 anos, pero a partir desa idade cambia a tendencia
  • As mulleres declaran usar internet máis ca os homes para buscar emprego, actividades relacionadas coa saúde e, en xeral, a administración electrónica

O informe “Mulleres en Dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), confirma a ausencia de fenda de xénero nesta Comunidade no que respecta á dixitalización.

Os datos indican que as diferenzas por xénero na frecuencia de uso de internet e dispositivos electrónicos en Galicia son mínimas, pero no 2023 adiantáronse as mulleres, xa que navegaron por internet o 91,7% nos tres meses previos á enquisa, fronte ao 91,3% de homes.

O incremento no uso de internet por parte das mulleres é a tendencia tanto en Galicia como no resto de España. No caso galego, o aumento foi dun 4,4% entre 2020 e 2023. A distancia por xéneros en Galicia (0,4) é moi similar á da media española (0,3). En ambos casos, a dixitalización por parte das mulleres supera lixeiramente á dos homes.

O informe analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística (IGE).

Uso de Internet e comercio electrónico

As mulleres que declararon utilizar internet nos tres meses previos á enquisa acadan o 91,7% superando aos homes en 4 décimas. O acceso de homes e mulleres á rede é case universal ata os 44 anos. A partir de aí, hai unha lixeira vantaxe das mulleres.

O uso do comercio electrónico en Galicia amósanos unha lixeira vantaxe de 2 puntos porcentuais por parte dos homes. A idade é un factor condicionante á hora de adquirir un ben ou servizo en liña. Así, nesta edición obsérvase que, entre os menores de 44 anos, son as mulleres as que máis utilizan a Rede como canle de compras, superando en máis de 3 puntos aos homes. O uso iguálase entre os 45 e os 54 e invértese nos grupos de maior idade (de 55 a 74 anos), onde os homes usan o comercio electrónico cunha frecuencia que supera en máis de 5 puntos ás mulleres.

Uso de dispositivos dixitais conectables a internet

O 93,1% das mulleres usaron nos últimos tres meses dispositivos electrónicos que se poden conectar a internet, 0,6 puntos máis ca os homes. O uso é practicamente idéntico e universal por xéneros ata os 44 anos. Dos 45 anos en adiante, baixa o seu uso en ambos xéneros pero as mulleres superan aos homes en máis dun punto en todas as franxas destas idades.

Comportamento na rede

As mulleres realizaron máis actividades de aprendizaxe na rede que os homes, tanto comunicarse con profesores e alumnos (+ 6,3) coma realizar cursos (+2,9).

Tamén usan máis internet as mulleres ca os homes para concertar unha cita médica, cunha diferenza de case dez puntos (71,7% fronte a 61,9%). Tamén buscan máis información sobre saúde e acceden a arquivos persoais ou a outros servizos de saúde a través dunha páxina web (55,8% fronte ao 45,8%). Superan en ambos casos nuns 10 puntos porcentuais aos homes.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: informe

Localización
Galicia
Temática
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades