O uso da rede entre as persoas de 65 aos 74 anos crece o dobre da media estatal e supera o 70 %

Data: 
25/01/2023
  • Os galegos de 16 a 34 anos superan a media estatal no uso habitual da rede e nas compras online
  • Galicia ocupa a sétima posición na concertación de citas sanitarias por internet e supera en dous puntos a media estatal no emprego da banca online
  • Crece o uso das canles dixitais coa Administración, que empregaron o 83,8 % dos internautas galegos no último ano
  • O 33,7 % de galegos xa utiliza dispositivos ou servizos de domótica do fogar, principalmente altofalantes, electrodomésticos conectados e administración de enerxía

Os usuarios de internet de entre 65 aos 74 acadaron o 70,5 % en Galicia, tras subir nos últimos 12 meses un 8,5 % -o dobre que a media estatal, que se sitúa no 4,2 %-. O incremento máis significativo rexistrado no último ano é precisamente no colectivo de persoas con máis dificultades de acceso á tecnoloxía. Cómpre destacar o crecemento progresivo de internautas neste tramo de idade en Galicia. Hai 6 anos, en 2017, as persoas de 65 a 74 anos que empregaban internet situábanse no 27,9 %. 

Os galegos de 16 a 34 superan a media estatal no uso habitual da rede e nas compras online. O 98,3 % dos nenos galegos de 10 a 15 anos empregan o ordenador e sitúanse á cabeza no uso deste equipamento TIC no ranking por comunidades autónomas, 5,2 puntos por riba da media estatal.  

O 95,6 % destes nenos usaron internet nos últimos 3 meses, tamén por riba da media estatal. Son parte dos últimos datos publicados polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2022, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) -dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)- e que constatan os bos resultados dos indicadores de uso das TIC entre os máis novos. 

Uso das TIC: comercio electrónico, e-saúde e banca dixital

En canto ás compras a través da rede, un 50,5 % da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de internet nos últimos tres meses, pero no tramo de idade dos 16 aos 34 anos supérase a media do Estado en máis de 5 puntos porcentuais, xa que o 68,8 % de galegos de 16 a 24 mercaron por internet nos últimos tres meses, e o 78,3 % dos 25 aos 34 anos.

As actividades online máis comúns nos tres últimos meses están relacionadas coa comunicación, realizadas polo 90,8 % da poboación galega de 16 a 74 anos; recibir ou enviar correos electrónicos (77,5 %); buscar información sobre bens e servizos (76,7 %); ou ler noticias de xornais ou revistas de actualidade online (76,0 %).

Respecto á saúde, cabe destacar a elevada porcentaxe de uso de servizos online, como concertar unha cita cun médico a través dunha páxina web ou dunha app, que acada unha porcentaxe de 55,3 %, ocupando a  sétima posición no ranking por CC.AA. Galicia ocupa esa mesma posición no acceso a arquivos persoais de saúde (38,7 %). 

Cabe salientar especialmente que o 71,9 % dos galegos utilizan a banca por internet (incluída a banca móbil), superando a media estatal (69,6 %) en 2,3 puntos e ocupando novamente a sétima posición no ranking por CC.AA. 

Interacción coas administracións públicas a través de internet

O 83,8 % dos internautas de 16 a 74 empregaron algunha páxina web ou apps das administracións públicas nos 12 últimos meses por motivos particulares. Isto supón un incremento de 18,5 % respecto a 2021, fronte ao 15,5 % da media estatal. 

Entre os trámites máis frecuentes, o 68,9 % descargou algún formulario oficial, superando a media estatal (67 %). Un 24,5 % accedeu á información de bases de datos ou rexistros públicos (rex. catastrais, de empresas…), sendo a terceira  comunidade autónoma que máis xestiona por internet estas consultas.  

A internet das cousas

Do total de internautas galegos de 16 a 74 anos, o 33,7 % utilizaron dispositivos ou servizos de domótica no fogar. En concreto, o 21 % empregou asistentes virtuais en forma de altofalante intelixente ou de app (como Alexa, Google Home, Siri, Cortana...); o 15,2 % electrodomésticos conectados, o 11,2 % sistemas para a administración de enerxía para o fogar (luces, enchufes, termostatos...) e o 6,7 % sistemas de alarma/seguridade do fogar (fechaduras, cámaras, detectores de fumes...).

 

Localización: 
Galicia