O smartphone sitúase no centro da vida dixital

Data: 
17/01/2013

A Fundación Telefónica presentou a 13ª edición do seu informe anual “A Sociedade da Información en España”, correspondente ao ano 2012. Entre as principais novidades destaca o nivel de penetración dos dispositivos intelixentes smartphone no conxunto do Estado, que acada no 2012 o 63,2% dos usuarios de telefonía móbil. Este indicador sitúase en valores semellantes aos facilitados por INTECO no último trimestre deste ano, que estimaba que un 60,8% dos usuarios de telefonía móbil en España dispoñen dun smartphone, cun incremento comercial de 4 puntos en relación ao trimestre anterior. A mobilidade e Internet sitúan a estes dispositivos no centro da vida dixital persoal segundo a Fundación Telefónica, que considera que España dispón do parque de telefonía móbil máis avanzado da Unión Europea debido ao nivel de penetración do smartphone no seu ámbito territorial.

O informe estima que o 69,2% da poboación española é usuaria de Internet (24,1 millóns de persoas), unha porcentaxe que ascende ata o 96,2% na mocidade con idades comprendidas entre os 16 e os 24 anos. O grupo de idades que experimenta un maior crecemento relativo no uso de Internet comprende ás persoas de 55 a 64 anos, pois un 43,7% son usuarios de Internet, fronte ao 37,7% do ano 2011.

Os dispositivos móbiles canalizan boa parte do crecemento no uso de Internet, cun 43,4% dos usuarios de telefonía móbil conectados a través dos seus terminais, o que supón un crecemento do 210% en relación ao 2011. Neste senso, o volume de terminais con conexión a Internet medrou un 68% neste período, a razón dun millón de altas ao mes no último trimestre do ano 2012.

O 67% dos fogares dispoñen de banda larga fixa, 5 puntos máis que o ano pasado. No sector empresarial o crecemento da banda larga móbil superou os 15 puntos porcentuais, ata acadarse un nivel de penetración do 53,6% nas pemes e autónomos e do 90,5% nas empresas de 50 a 199 traballadores/as.

Finalmente, a Fundación Telefónica destaca entre as tendencias de futuro as iniciativas de financiamento colectivo ou crowdfunding, como alternativa económica aos mecanismos tradicionais para desenvolver proxectos innovadores e creativos a través de Internet. 

Pode consultarse o informe completo na seguinte ligazón