O Sector TIC galego creou 114 novas empresas en 2019 e rexistrou un volume de negocio de máis de 2.800 millóns de euros

Data: 
31/01/2021
  • Así se recolle no Estudo Empresas TIC sobre a Sociedade de Información que reflicte que o sector conta en Galicia con 18.984 empregados
  • No 2020 a implantación do telebraballo incrementouse en máis dun 90% no sector 
  • Máis dun terzo das empresas TIC galegas levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos años das que máis do 68,3% obtivo resultados comercializables
  • O 27,1% das tecnolóxicas galegas utilizan ou incorporan aos seus produtos e servizos IOT (Internet das cousas)e un 26% emprega o Bussiness Inteligence 
  • O uso da Intelixencia artificial sitúase no 19,5% das empresas do sector
  • Preto dun 32% das empresas TIC venderon os seus produtos ou servizos a través do comercio electrónico, un 7,1% máis que o ano anterior
  • O 26,9% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade durante o ano 2019, principalmente intentos de estafa e ataques de virus 

O sector tecnolóxico galego rexistrou 2.897 empresas no ano 2019 (114 empresas máis que en 2018), cun  volume de negocio de 2.872 millóns de euros, un 2,5% máis que o ano anterior. Cun Valor Engadido Bruto (VEB) superior aos 1.500 millóns de euros, o sector TIC supón o 2,44% do PIB total de Galicia.

Son datos recollidos no estudo “Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2020”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito a Amtega, en base aos últimos datos rexistrados do sector e a unha enquisa realizada entre setembro e novembro do ano 2020, recollendo indicadores novos como o teletraballo ou a adopción de tecnoloxías disruptivas.

Tendencias: Teletraballo e Tecnoloxías Disruptivas

Ao igual que noutros sectores o impacto da Covid-19 incrementou a adopción do teletraballo nas empresas tecnolóxicas galegas. O 63,4% afirma contar con empregados que teletraballan, o que supón un incremento do 91,5% nun só ano. O 96% dos empregados que teletraballan, fano dende o propio domicilio.

Outras tendencias recollidas, por primeira vez, neste estudo son a implantación das tecnoloxías disruptivas no sector TIC galego. O 27,1% das empresas TIC utilizan e/ou incorporan aos seus produtos e servizos o denominado IOT (Internet das cousas). En segundo lugar, nas tecnoloxías disruptivas sitúase o Bussiness Inteligence, que xa é utilizado polo 26% das empresas TIC. e, en terceiro lugar, figura o uso da Intelixencia artificial (19,5%).

Neste capítulo tamén cabe salientar que un 16,7% das empresas TIC galegas emprega Chatbots, un 14,3% a realidade virtual e unha de cada dez empresas TIC fai uso do blockchain (11,3%) e dos xemelgos dixitais e simulación (10%). Ademais o 20,8% das empresas TIC xa utilizan Big Data na toma de decisións. 

Aumenta o peso do comercio electrónico

O 75% das empresas TIC en Galicia realizaron compras de bens ou servizos a través de Internet ao longo do ano 2020.

No último ano creceu a porcentaxe de empresas TIC que venderon os seus produtos ou servizos a través do comercio electrónico, situándose no 31,7%, un 7,1% máis que o ano anterior. O peso das vendas a través do comercio electrónico sobre as totais increméntase nun 10,4% ata acadar un peso do 58,2%.

Conectividade

Nesta edición do informe sobre a Sociedade da Información entre as Empresas TIC en Galicia, destaca o incremento nas velocidades de conexión a internet, xa que a porcentaxe de empresas TIC conta con conexións de 100 Mbps supera o 76%, case un 15% que o ano anterior. Con respecto á tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas, destaca a fibra óptica (54,6%), que experimenta un incremento do 17,7% no último ano.

Ciberseguridade

O 26,9% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade durante o ano anterior. Os intentos de estafa e os ataques de virus foron os incidentes máis frecuentes entre as empresas que tiveron problemas coa ciberseguridade. O primeiro (intentos de estafa) creceu en 8 puntos porcentuais no último ano, substituíndo aos virus como incidente máis frecuente.

Xestión empresarial e presenza en Internet

A interacción coas Administracións Públicas a través de Internet continúa a súa tendencia de crecemento, situándose no 82,9%, 4,6 puntos porcentuais máis que en 2019. O uso da sinatura dixital acada o 69,6% das empresas TIC galegas.

Durante 2020 subiu lixeiramente a dispoñibilidade de páxina web entre as empresas do sector ata acadar o 79%. O uso de redes sociais por parte das empresas TIC galegas, acada o 42,7% en 2020. A realización de accións de marketing é a principal motivación para o uso das redes sociais.

Actividades de I+D+i e Formación 

Máis dun terzo das empresas TIC galegas (33,7%) levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos años, aumentando lixeiramente a porcentaxe respecto aos datos da edición anterior (33,2%). Entre estas empresas TIC, o 68,3% obtiveron resultados comercializables.

Con respecto á formación, o informe sinala que case que unha de cada tres empresas TIC galegas impartiu formación en novas tecnoloxías da información e comunicación ao seu persoal (31,7%), un 6,4% máis que o ano anterior. No 2020, a temática de maior interese formativo é a de “Seguridade informática e protección de datos” (49,7%) desbancando do primeiro posto a “Tecnoloxías Cloud e modelos de negocios baseados en Cloud” (40,7%). 

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.gal.

Localización: 
Galicia