O SECTOR TECNOLÓXICO GALEGO EMPREGA A PRETO DE 24.000 PROFESIONAIS, TRAS CREAR MÁIS DE 3.200 POSTOS DE TRABALLO EN CATRO ANOS

SECTOR TIC EN GALICIA
Data
07/07/2026
  • Galicia mantén o quinto posto estatal en número de empresas TIC cun total de 3.179
  • A facturación medra case un 6 % nun ano e roza os 4.000 millóns de euros
  • A intelixencia artificial consolídase como a tecnoloxía máis implantada, presente no 67,4 % das empresas TIC
  • Son os datos dun dos informes anuais que elabora o Observatorio da Sociedade de Información e a Modernización de Galicia para avaliar o grado de dixitalización da Comunidade
  • O Consello da Xunta foi informado hoxe do Plan de Traballo 2026 do Observatorio e do Balance de actividades 2025


O crecemento sostido do sector tecnolóxico nos últimos anos reflíctese na creación de emprego e no número de empresas, indicadores que seguen a incrementarse. O sector, que emprega a un total de 23.993 profesionais, creou 3.253 postos de traballo entre 2021 e 2025. As empresas TIC en Galicia son xa 3.179, un 2,3 % máis que o ano anterior, o que mantén a quinta posición da comunidade a nivel estatal.

No plano económico, o sector xera máis de 1.983 millóns de euros de VEB (2,58 % do PIB galego), mentres o volume de negocio aumenta un 5,9 %, ata os 3.932 millóns de euros. En materia de emprego, o 68,4 % das empresas TIC galegas sinala que resulta difícil ou moi difícil atopar profesionais con formación en especialidades STEM, aínda que esta porcentaxe descendeu 10,8 % respecto ao exercicio anterior.

A Intelixencia Artificial consolídase como a tecnoloxía máis implantada, presente no 67,4 % das empresas TIC, o que supón un crecemento do 76 % respecto ao ano anterior. As ferramentas de IA máis empregadas son as de xeración de linguaxe natural (75,1 %) e as técnicas de aprendizaxe automática ou machine learning aplicadas á análise de datos, cun 46,1 %.

Son datos do informe Galicia Dixital: O Sector TIC de Galicia 2025, un dos estudos anuais que elabora o Observatorio da Sociedade de Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e do que foi informado hoxe o Consello da Xunta, xunto co Plan de Traballo 2026 e o Balance de actividades do 2025.

O Observatorio é o órgano colexiado dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) que mide a evolución da dixitalización na Comunidade. Os datos e informes que proporciona o OSIMGA, en colaboración co Instituto Galego de Estatística, facilitan o seguimento e avaliación das medidas da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Plan de Traballo 2026

Unha das liñas de actuación previstas no Plan de Traballo do OSIMGA 2026 é a  incorporación de novos indicadores e a actualización da metodoloxía dos seus estudos para adaptalos á evolución da transformación dixital da Comunidade e ofrecer unha visión máis precisa da penetración das tecnoloxías innovadoras na sociedade, as administracións e o tecido empresarial.

Segundo recolle o Plan, ao longo deste exercicio publicaranse novas edicións dos estudos e informes sobre a situación da sociedade dixital no rural, infancia e adolescencia, persoas maiores, sector TIC, software libre, administración dixital ou intelixencia artificial.

O Observatorio continuará tamén coa modernización da súa web, incorporando novas funcionalidades, gráficas interactivas, infografías e unha mellor integración do cadro de mando de indicadores para facilitar a consulta da información. Ademais, publicaranse novas pílulas audiovisuais sobre os principais resultados dos estudos elaborados polo OSIMGA.

Balance da actividade de 2025

Tamén se informou ao Consello da Xunta do Balance de actividades 2025, un ano no que o OSIMGA elaborou 43 informes e cumpriu o 100 % dos compromisos asumidos no Programa Estatístico Anual da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre as principais novidades do 2025 destacan a publicación do primeiro informe sobre a ciberseguridade nas empresas galegas, a incorporación de novas liñas de análise sobre tecnoloxías innovadoras e a actualización dos estudos sobre competencias dixitais da cidadanía, persoas maiores e talento STEM. Ademais, adaptouse o cadro de mando ao Sistema de Indicadores da Sociedade da Información, integrado por 975 indicadores que permiten facer un seguimento continuo da evolución da dixitalización en Galicia.

Ao longo de 2025 o Observatorio completou tamén a renovación da súa páxina web, mellorando a experiencia de navegación e o acceso aos informes e indicadores, incorporou novos formatos divulgativos, como as pílulas audiovisuais dos informes principais e o boletín electrónico trimestral, que conta xa con máis de 3.350 persoas subscritoras.

 

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades