A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xeral do Instituto Galego de Estatística (IGE), José Antonio Campo, presentaron hoxe os resultados do “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos”. O estudo, realizado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Amtega analiza a evolución da penetración das TIC en Galicia entre os anos 2008 e 2012.
Este informe é o primeiro que se elabora no marco do convenio asinado entre a Amtega e o IGE, a partir dos datos recollidos na “Enquisa de Condicións de Vida das Familias” do Instituto Galego de Estatística e posteriormente analizados polo OSIMGA.
Esta colaboración supuxo un aumento de mostra de máis de 7.000 enquisas a fogares respecto aos anteriores estudos do OSIMGA, facilitando unha maior desagregación dos datos segundo áreas xeográficas. Ademais, evítanse duplicidades a acádase un aforro económico de máis de 50.000 euro anuais.
O ritmo de Galicia é superior ao estatal e europeo no período 2008-2012
Unha das principais conclusións desta análise do OSIMGA é que a implantación e uso das TIC nos fogares galegos medra a máis velocidade que no resto de España e Europa, un aspecto fundamental para medir a evolución das TIC na Comunidade, que partía de parámetros moito máis baixos.
O o 67,3% dos fogares galegos dispón de ordenador, porcentaxe que aumentou un 29,9% no período 2008 – 2012, mentres que o crecemento da media estatal e europea nese mesmo período foi dun 16,2% e dun 14,7%, respectivamente
Tamén continúa a evolución positiva relacionada coa presenza de Internet nos fogares galegos. A contratación do servizo de Internet incrementouse un 53,4% desde o ano 2008, pasando dun 36,7% a un 56,3%. De novo, no período 2008-2012, o ritmo de crecemento é superior ao estatal e ao europeo, que experimentaron un incremento do 33,1% e do 25%, respectivamente
Isto tradúcese nun recorte de distancias en máis de 5 puntos con España e Europa na dispoñibilidade de ordenador e, no que se refire á contratación de Internet, redúcese en 2,7 puntos a distancia con España e en 4,6 puntos con Europa.
As características sociodemográficas, chave na contratación de Internet
O tipo de hábitat inflúe de xeito determinante na contratación de Internet nos fogares galegos, que medra na mesma proporción que o fai o número de habitantes dos concellos, ata acadar un 66,9% nos municipios de máis de 50.000 habitantes.
Nos sete concellos con maior poboación de Galicia, a contratación de Internet supera amplamente a media galega, acadando a porcentaxe máis elevada no concello da Coruña (72,2%), 15,9 puntos por riba da media galega.
Os condicionantes xeográficos e a dispersión poboacional da Comunidade Galega, con 199 concellos de menos de 5.000 habitantes, determinan os resultados globais de contratación de Internet, xa que rexistran unha porcentaxe de contratación de Interne do 36%. Dos 116 concellos restantes, os 58 que teñen máis de 10.000 habitantes superan a media galega de contratación, chegando ao 66,9% nos municipios de máis de 50.000 habitantes ). Os outros 58 restantes sitúanse no 45,1%.
As principais razóns aducidas polos enquisados para non contratar internet no fogar, son que “non o necesitan”, que “non o queren” ou que “é moi caro” .
Un 53,1% dos fogares galegos ten contratado Internet a través de banda larga. Tomando como base os datos do ano 2008, a comparativa entre Galicia e España indica, de novo, que o ritmo de crecemento de acceso contratado a banda larga da nosa Comunidade foi superior ao rexistrado pola media estatal. O crecemento porcentual de Galicia no intervalo 2008-2012 foi dun 67% mentres que en España no mesmo período é de 49,6%.
As áreas con maior presenza de banda larga son as de Santiago (67,1%) e A Coruña (64,3%), mentres que as que acadan menor porcentaxe de banda larga sitúanse na área de Ourense sur (23,3%) e a Área da Costa da Morte (32,1%). Estes datos debuxan unha significativa fenda dixital na contratación de banda larga entre as áreas situadas arredor do Eixo Atlántico e o resto da xeografía galega.
Outra variable explicativa, sen dúbida, é o volume total de ingresos do fogar, a máis ingresos maior probabilidade de posuír banda larga contratada (un 83% nos fogares con renda superior a 3.500 euros fronte ao 19,7% nos fogares con ingresos inferiores aos 600 euros ).
O uso das TIC e compras na rede
Seis de cada dez galegos utilizaron o ordenador nos tres últimos meses, incrementándose un 18,9% desde o ano 2008. Considerando o período 2008-2012, o uso de Internet segue a mesma liña positiva de evolución que o uso de ordenadores, cun incremento relativo do 27,8%, superando o ritmo de crecemento estatal (23,1%) e situándose no 57,4%
Un 20,7% da poboación galega adquiriu algún ben ou servizo a través de Internet, situándose en valores similares á media estatal (22,3%). Neste indicador o crecemento relativo no período 2008-2012 é de novo moito máis elevado, cun 183,6% para os datos de Galicia e dun 67,7% no caso de España. Non obstante, a marxe de mellora, tanto a nivel galego como estatal, é ampla ata acadar a converxencia coa media europea.
A convivencia con nenos e a idade son factores determinantes no uso das TIC.
En 7 de cada 10 fogares galegos onde reside un neno en idade escolar obrigatoria usan as TIC, superando en máis de 15 puntos as porcentaxes que se rexistran noutro tipo de fogar.
A análise da idade pon de manifesto a relevancia desta variable para o uso de Internet, obtendo un amplo 92,7% de persoas xóvenes que accederon a Internet nos últimos tres meses, fronte ao 12,6% das persoas de 65 a 74 anos. Nos tramos de idade de 16 a 34 anos, o uso de Internet na poboación galega sitúase a menos de 4 puntos da media estatal. O uso da Rede diminúe significativamente a partir dos 45 anos e a diferenza coa media estatal supera os 11 puntos nos tramos de idade de 35 a 64 anos.
Redución da fenda dixital de xénero en 2,6 puntos no período 2008-2012
A fenda dixital de xénero en Galicia no uso de Internet é de 3,9 puntos. Nos últimos anos reduciuse considerablemente a distancia no emprego de Internet entre homes e mulleres xa que no ano 2008 existían 6,5 puntos de diferenza e no ano 2010: 4,2 puntos. Cabe salientar, ademais, que a fenda dixital de xénero en Galicia é menor que a que se rexistra a nivel estatal (5,2 puntos) e similar á europea (4 puntos).
Galicia supera a media estatal e europea en interacción coas AAPP en Internet
Un 47,7% dos galegos/as descargou formularios oficiais (6,7 puntos máis que a media estatal e 12,7 puntos por riba da media europea). Un 40,7% enviou formularios cumprimentados a través de Internet (8,5 puntos por riba da media estatal e 12,7 puntos por riba da media europea)
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org e nas seguintes ligazóns:
Diagnóstico
Resumo executivo
Data:
16/05/2013