Segundo o compromiso de información expresados na elaboración da Axenda Dixital de Galicia, 2014.gal, no documento anexo preséntase o informe anual de actividades relacionadas coas distintas liñas estratéxicas que a compoñen, así como datos de indicadores de avance da sociedade de información en Galicia, dos orzamentos investidos, etc. En resumo, un documento onde atopar toda a actividade da Xunta de Galicia no ano 2012 en relación co desenvolvemento da Axenda Dixital, os seus plans e programas, así como dos resultados acadados.
No informe, do ano 2012, reflíctese a importante aposta do Goberno galego en prol dunha mellora dos servizos públicos, baseándose nas vantaxes que a tecnoloxía pode aportar para ofrecer á sociedade unha Administración sempre aberta aos cidadáns.
Nesta liña encaixa a creación en 2012 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, que xa integra baixo unha única dirección a 282 tecnólogos e os recursos orzamentarios de área tecnolóxica de seis consellerías. A Amtega constitúe un modelo de xestión integrada das TIC co que se busca ofrecer máis servizos, máis eficaces e con menos custe. A súa posta en marcha está a evitar duplicidades administrativas ao suprimir 15 departamentos administrativos conseguindo un aforro anual de 20 millóns de euros.
Unha estratexia única para Galicia que vai acompañada da posta en marcha tamén en 2012 Centro de Proceso de Datos Integral, que consolidará nunha única infraestrutura tecnolóxica todos os CPDs existentes, ofrecendo un servizo centralizado a toda a administración galega e aforrando custos por valor de 3 millóns de euros.
No informe, tamén se destaca a converxencia que as liñas estratéxicas da Axenda Dixital establecen cos plans de Unión Europea para o horizonte 2020, unha converxencia expresada en tres prioridades: un crecemento intelixente, un crecemento sustentable e un crecemento integrador.
A eAdministración
O Plan de Modernización da Administración autonómica estableceu as directrices para conseguir unha administración máis transparente e aberta aos cidadáns as 24 horas do día os 365 días do ano. A Sede electrónica da Xunta é un dos seus compoñentes fundamentais, a finais do 2012 a sede xa permitía aos galegos presentar telematicamente máis de 500 procedementos, máis do 30% dos dispoñibles, 26 puntos máis que ao inicio do Plan.
Outro piar fundamental é a identidade dixital, no 2012 máis de 6.000 empregados públicos estaban acreditados o que permitiu a expansión da sinatura dixital, o uso do portasinaturas, o control horario, etc. dos traballadores da Administración galega.
A comunicación coa cidadanía ten mellorado coa redefinición do portal corporativo xunta.es, un portal organizado tematicamente para facilitar o acceso á información e aos procedementos. Ademais a participación cidadá está a desenvolverse principalmente a través das redes sociais, a finais do 2012 a Xunta de Galicia está presente a través de 141 sitios nas redes sociais.
O portal Abert@s, unha iniciativa para facilitar a empresas e cidadáns a reutilización da información da Xunta, comezou a funcionar en marzo de 2012 e xa dispón de 250 conxuntos de datos, o que converte a Galicia na quinta comunidade con maior número de contidos publicados. Abert@s, ademais dun factor de transparencia da actividade de goberno, supón unha oportunidade de negocio para que as empresas poidan crear contidos de interese para a sociedade xerando ao tempo emprego e riqueza.
Os servizos públicos: sanidade, xustiza e educación
Cómpre destacar tamén os avances da aplicación das iniciativas da Axenda Dixital en áreas de gran impacto para a sociedade, como a educación, a xustiza e a sanidade. A implantación da ereceita e da Historia Clínica Electrónica na sanidade; o proxecto Abalar na educación e o Plan Senda na xustiza son proxectos de amplo recoñecemento, tanto no campo tecnolóxico como por parte dos usuarios profesionais os mesmo da poboación.
Segundo un estudo realizado polo ONTSI, Galicia é unha das comunidades con maior uso das TIC no ámbito sanitario: cita previa por Internet, receita electrónica, son termos cotiás para os cidadáns. IANUS, a aplicación de Historia Clínica Electrónica beneficia xa ao 100% da poboación o que permitiu diminuír en tres millóns as consultas medicas anuais nos centros de saúde.
No eido educativo, o Proxecto Abalar ten dixitalizadas case 2.000 aulas, en 533 centros educativos e por riba de 43.000 alumnos aproveitando as súas vantaxes. Ademais o espazoAbalar está a consolidarse como punto de encontro entre profesores, alumnos e familias, con máis de 1 millón de visitas, 1.164 recursos educativos no seu repositorio e 1 millón de contidos descargados polos usuarios.
No eido xudicial, logo dos investimentos tecnolóxicos: renovación dos equipamento, o 85,5% dos ordenadores teñen menos de 5 anos, 30 puntos máis que no 2010; da implantación de sistemas de videoconferencia e de gravación en salas, etc. No último ano estanse a implantar as aplicacións de comunicacións seguras, Lexnet, e de xestión procesual. No 2012 completouse a implantación de Lexnet en todos os órganos xudiciais galegos, rexistrándose un total de 2,5 millóns de notificacións telemáticas.
Cidadanía dixital e a economía do coñecemento
No 2012 a Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica (CeMIT) atendeu a máis de 20 mil usuarios e impartiu por riba de 38 mil horas de formación, duplicando os valores do ano anterior. Os usuarios foron maioritariamente mulleres, persoas entre 41 e 65 anos o sen coñecementos previos ou básicos do uso das tecnoloxías.
Ademais púxose en marcha o programa de Voluntariado Dixital, un plan para canalizar a participación de entidades sociais, empresas e voluntarios a favor da loita contra a fenda dixital. A finais de ano, participaban no programa 200 voluntarios e 74 entidades.
No informe salientase tamén o apoio da Xunta ao desenvolvemento de distintos programas para impulsar o sector da economía do coñecemento, continuou a convocatoria do programa FEDER-Innterconecta para fomentar o desenvolvemento de grandes proxectos de I+D+i no eido tecnolóxico; comezaron a mobilizarse as iniciativas Hospital 2050 e InnovaSaúde con 90 millóns de euros, que permitirán deseñar o hospital do futuro; creouse o portal do emprendedor, aprobouse o Plan 100 TIC para fomentar a internacionalización e está a elaborarse o Plan TransformaTIC para potenciar e reforzar o sector TIC
Finalmente destacase a actividade do Centro Demostrador TIC, un punto de encontro entre a oferta do sector tecnolóxico de Galicia e demanda TIC do tecido empresarial galego. Así como o apoio á formación tecnolóxica dos traballadores, o apoio ao pequeno comercio, un portal de venda en liña; as aplicacións para o mundo gandeiro, pesqueiro e turístico, un exemplo a nivel estatal.
Infraestruturas de telecomunicacións
O Plan de Banda Larga sobrepasou xa no 2012 os obxectivos formulados para finais do 2013, chegando ao 95% da poboación cuberta, por riba de 650 mil persoas que ao inicio do plan. Ademais reduciuse a fenda entre as provincias orientais (Lugo e Ourense) a as occidentais (Coruña e Pontevedra) de 20 a 3 puntos porcentuais.
Neste desenvolvemento, Retegal o operador publico está a xogar un papel fundamental: 216 torres de telecomunicacións e máis de 1850 quilómetros de fibra óptica despregados. Ademais licitouse a contratación da Rede de Emerxencias de Galicia e publicouse a Guía para a implantación do Fogar Dixital.
Indicadores
Por último, o informe recolle un bloque dedicado no que se recollen 110 indicadores de avance dos proxectos e variables nas que se sustenta a sociedade da información. Para cada unha das liñas estratéxicas, indícanse cando é posible os valores dende o 2009 dos diferentes items.
O informe publícase anualmente é pode consultarse na web da imit:
http://imit.xunta.es/export/sites/imit/descargas/20130423_ADG_Informe_2012_v3.pdf
Data:
29/05/2013