O 75% das editoras está a realizar accións de dixitalización

Data: 
16/03/2011

Esta é unha das principais conclusións que se desprenden da 2ª enquisa sobre “El Libro digital en España: impacto de la digitalización en el catálogo, canales de distribución y de venta y política comercial”, realizada pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) en colaboración coa Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Este dato indica un cambio de tendencia respecto da situación existente ao remate de 2010, cando a oferta de obras dixitais aínda era moi limitada, xa que a metade das editoras comercializaba menos dun 5% do seu catálogo en versión dixital.
Segundo este estudo, o 75% das editoras xa dispón dun proxecto dixital e está a realizar ou vai realizar nos próximos anos accións de dixitalización ou transformación de formatos, comercialización de obras dixitais ou creación de obra exclusivamente dixital. A diferenza dos resultados da primeira enquisa, publicada o ano pasado, o 95% das editoriais participantes afirman ter planos definidos en asuntos coma os formatos, as contornas de lectura, as canles de distribución e venda ou as políticas comerciais.
O informe salienta que é o sector da Banda deseñada o que máis amplamente se está a introducir no mundo dixital -o 94% das editoras xa ten un proxecto dixital en curso-, fronte a outros como o de Literatura infantil e xuvenil ou o de Ciencias sociais e humanas, nos que unha de cada cinco afirma non ter prevista iniciativa algunha. As materias nas que se disporá de máis obras en versión dixital nos dous próximos anos serán: Dereito e ciencias económicas, Divulgación, Libro cientifico-técnico e Literatura.
O Estudo destaca que a oferta de novidades en formato dixital foi moi limitada nos anos 2009 e 2010. Con todo, agárdase que en 2011 o impacto das novidades dixitais creza máis rápido que no resto do catálogo. O vindeiro ano, un terzo das editoras comercializará en versión dixital máis da metade das súas novidades.
Hai que sinalar, así mesmo, que as editoras máis activas na comercialización de novidades en versión dixital serán, nesta orde, as especializadas en Divulgación xeral, Dereito e ciencias económicas, Ciencias humanas e sociais, Libro cientifico-técnico e universitario, Cómics e Literatura.
No que respecta á edición de obras exclusivamente en formato dixital, a maioría das editoras, independentemente do seu tamaño ou da súa especialización, proponse crear este tipo de produto, aínda que o seu impacto no catálogo é limitado. En 2012, a creación deste tipo de obras representará, como máximo, o 8% do catálogo, aínda que se duplicará con respecto aos anos anteriores. Hai que sinalar que aproximadamente a metade das editoras enriquecerán as súas obras con recursos dixitais.
Formatos de dixitalización e soportes de lectura
O ePUB é o formato de dixitalización que maior crecemento está a experimentar. O 40% das editoriais empregárono en 2010, fronte ao 24% de 2009. Agárdase que esta porcentaxe medre até chegar ao 70% durante 2011, compartindo protagonismo co PDF, que comezará, a diminuír partir de 2012. O formato Mobipocket -tanto xenérico como o específico para Kindle- duplica a súa presenza en relación ao ano anterior mais apenas o utilizará o 15% das editoras en 2012.
Os formatos para encerado dixital tamén duplicarán a súa presenza, pero circunscribiranse principalmente ás editoriais de Libro de texto non universitario, Enciclopedias e dicionarios, Literatura infantil e xuvenil e Relixión.
Os e-readers e os computadores son os dispositivos de lectura maioritariamente preferidos polas editoras para comercializar obra dixital, perto do 80% inclínase polos dous. Ao longo de 2011, os e-readers superarán aos computadores, especialmente nas materias de Literatura, Literatura infantil e xuvenil, Ciencias sociais e humanas, Relixión, Libros prácticos e Divulgación xeral.
Para este ano agárdase tamén un incremento das obras para tablet PC e teléfonos móbiles. Perto da metade das editoras comercializará produtos para estas contornas, máis para tablet PC que para móbiles. Hai que sinalar que a creación de contidos para tablet PC ten máis presenza en materias como Cómics, Divulgación xeral, Libros prácticos, Ciencias sociais e humanas, e Literatura. Nestas áreas, máis do 60% das editoriais producirá obras para este soporte en 2011.
Distribución e venda
Dúas son as canles preferidas para comercializar obra dixital: as plataformas comerciais xenéricas e a venda directa desde a web da editorial. No entanto, a metade das editoras espera comercializar obra dixital por medio das librarías.
En canto ás canles de distribución, comeza a considerarse a venda directa desde a web da editora, opción que parecía descartada en 2009. As editoras de maior tamaño, tamén optan pola venda mediante plataformas comerciais xenéricas (100%), por medio de librarías (75%) e na propia web (50%). En canto á distribución de contidos equipárase o uso de plataformas conxuntas con outras editoriais (25%) e o de plataformas creadas pola propia editorial (25%).
As editoriais de tamaño medio optan preferentemente pola venda desde a súa propia web, pola venda a través plataformas comerciais xenéricas e polas librarías. Nas de menor tamaño, as opcións maioritarias volven ser a venda mediante as plataformas comerciais xenéricas, a propia web e a venda a través de librarías.
Un 30% máis barato
Segundo o estudo, en 2011 e 2012, a tendencia que se observa é que o prezo da obra dixital sexa inferior ao da impresa, cando menos un 30% máis barato. Unha de cada catro editoriais consultadas considera que a redución podería chegar ao 50%. Esta tendencia é máis significativa nas editoriais de Literatura, de Literatura infantil e xuvenil e de Ciencias humanas e sociais.
No informe, participaron 280 empresas editoras entre as que figuran os grandes grupos, editoras de narrativa e ensaio de tamaño mediano e pequeno, editoras de libro xurídico, libro científico-técnico e libro relixioso, editoras de libro de texto, así como especializadas en literatura infantil e xuvenil, cómic, libros prácticos e divulgación xeral.
En España, a industria editorial move anualmente perto de 4.000 millóns de euros, un 0,7% do PIB e dá emprego, directo e indirecto, a máis de 30.000 persoas.