O 30% das empresas TIC que presentaron as súas solucións tecnolóxicas no Centro Demostrador en 2012 pecharon unha venda entre os asistentes

Data: 
05/02/2013

Un 30% das empresas que presentaron un produto ou servizo tecnolóxico no Centro Demostrador TIC (CDTIC) de Galicia en 2012 lograron pechar unha venda entre os profesionais asistentes á sesión demostradora. O indicador ascende ao 41% no caso das empresas TIC que recibiron solicitudes para a elaboración de orzamentos.
Son datos recollidos na Memoria do CDTIC 2012, que xunto con outros indicadores poñen de manifesto que o Centro está na senda axeitada de cara a cumprir os seus obxectivos en canto a súa contribución a xerar negocio TIC e a achegar a oferta tecnolóxica de Galicia a posibles demandantes da mesma.
 
Outro dos datos destacables, no caso dos profesionais asistentes, é que un 70% manifestou estar interesado en implantar algunha das solucións presentadas, aínda que non solicitaran orzamento ou materializaran a compra. O contexto actual de crise económico e a dificultade de acceso ao financiamento son os principais motivos alegados polos asistentes para non traducir ese interese nunha compra.
 
O 92% dos asistentes ás presentacións do CDTIC indicaron que  accederon a solucións e provedores tecnolóxicos que non coñecían ata a súa participación nas actividades do CDTIC. En canto ao grao de satisfacción o 95% dos profesionais valora positivamente ter asistido ás actividades do Centro.
 
Os resultados do estudo tamén poñen de manifesto oportunidades de mellora como o reforzo na difusión do propio CDTIC e o MapaTIC.gal, conseguir unha maior implicación dos axentes representativos empresarias e fortalecer as relacións socio-comerciais entre empresas TIC e asistentes pasada a sesión demostradora. Transformar estas debilidades en fortalezas será un dos retos aos que se enfronte o CDTIC neste 2013.
 
O CDTIC en cifras
Durante o pasado 2012 o CDTIC acolleu a presentación de 36 solucións tecnolóxicas de 24 provedores galegos a través de 32 actividades. Ademais, o Centro ofreceu 150 horas de formación especializada a través de 15 talleres, onde os asistentes puideron adquirir coñecementos sobre Cloud Computing, Aplicacións para smartphones, comercio electrónico, redes sociais como ferramenta de marketing dixital e as últimas novidades sobre realidade virtual e aumentada.
 
En total, máis de 650 profesionais participaron nas actividades levadas a cabo no CDTIC, o que supón un incremento relativo do 64% no segundo semestre de 2012 con respecto ao mesmo período do ano anterior, xa que o CDTIC entrou en funcionamento en xullo de 2011.
 
O Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia. MapaTIC.gal
Outro alicerce dos servizos que o CDTIC ofrece é o MapaTIC.gal unha plataforma web que ten como obxectivo servir de punto de encontro virtual entre as empresas TIC e as empresas doutros sectores que demandan solucións tecnolóxicas.
 
En xaneiro o MapaTIC superou a cifra de 400 solucións tecnolóxicas, ofertadas polos 178 provedores tecnolóxicos galegos rexistrados. As Solucións de xestión empresarial (37%) e os Servizos de auditoría e consultaría tecnolóxica (43%) compoñen a meirande parte da oferta tecnolóxica no MapaTIC.gal.
 
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
 
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
 
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Energía y Turismo.