Máis do 64% dos galegos e galegas dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas

Data: 
03/12/2023
  • Nos dous últimos anos, Galicia creceu 2,5 puntos neste indicador, fronte aos 2 puntos do conxunto do estado.
  • Máis do 92% dos galegos e galegas emprega internet e o 51% realiza compras online
  • O 76,9% dos galegos utilizan a banca por Internet, cinco puntos máis que o ano anterior  
  • O 83,5% dos internautas de 16 a 74 empregaron algunha páxina web ou apps das administracións públicas nos 12 últimos meses por motivos particulares, superando así a media estatal en medio punto
  • O  97,6% dos nenos de 10 a 15 anos usaron internet nos últimos 3 meses, preto de 3 puntos  por riba da media estatal 
  • As aulas Cemit ofertaron este ano 48.000 horas de formación, contribuíndo á dixitalización da sociedade galega.
  • Actualmente, a Rede  de aulas está inmersa nun Plan de Reforma e Ampliación, que inclúe a renovación de equipamento e a adaptación da formación 
  • Preto de 900 persoas participaron en diferentes actividades de capacitación con material innovador e máis de 220 asistiron á formación básica en IA

O 64,1% dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais básicas ou avanzadas, co que a Comunidade reduce a só dous puntos a súa posición respecto á media estatal. Nos dous últimos anos (última vez que se difundiron estes datos) Galicia creceu 2,5 puntos neste indicador, fronte aos 2 puntos do conxunto do Estado. Ademais, o 36% dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais avanzadas, reducindo tamén a diferenza coa media estatal en dúas décimas.

Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega),  dos datos publicados hoxe polo INE sobre os Fogares e as TIC, as cifras confirman que a totalidade dos galegos de 16 a 34 anos empregan Internet e superan a media estatal no uso habitual de Internet.

Os datos do INE sinalan tamén que Galicia é a segunda comunidade autónoma onde máis porcentaxe de nenos e nenas de 10 a 15 anos usan internet. O 97,6% destes nenos e nenas usaron internet nos últimos 3 meses, por riba da media estatal en case tres puntos porcentuais. Tamén supera a media estatal o uso do ordenador entre os nenos galegos de 10 a 15 anos, cunha porcentaxe do 94,7%, 1,6 puntos por riba do conxunto do Estado. Galicia tamén ocupa un lugar destacado no uso da banca electrónica e das xestións online coa Administración. 

Galicia mantén unha tendencia ascendente nos principais indicadores do uso das TIC, unha evolución á que ten contribuído de xeito importante o labor da Rede de Aulas CeMiT. Desde a súa posta en marcha en 2011, CeMIT leva programadas máis de 500.000 horas de formación e rexistráronse máis de 113.000 usuarios. A Rede está a evolucionar a súa formación adaptándoa ás novas necesidades da transformación dixital e renovando o seu equipamento.

Uso das TIC: compras, saúde, información, comunicación e banca dixital 

Os datos do INE sinalan que o 92,2% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos usan internet, que o 51% comprou online nos últimos tres meses e o 18,8% vendeu por internet nese período, dato practicamente idéntico á media estatal (19,1%). Os 75% galegos de 35 a 44 anos compran online, a 6 puntos de diferencia da media estatal.

Respecto ao tipo de compra, o 50,7%, merca algún produto en formato físico; o 38,9% fixo algunha subscrición online; o 27,8% contratou servizos para o fogar, transporte ou aloxamento; e o 23,5% contratou algún servizo de aloxamento.

Destaca o uso da banca online, que empregan o 76,9% dos galegas e as galegas, cun crecemento de cinco puntos no último ano, o que mantén este indicador cinco puntos por enriba da media estatal.

Equipamento no fogar e uso de internet

O 80% dos fogares galegos dispoñen de ordenador, co que Galicia mellorou seis postos no ranking de comunidades autónomas dende 2020 e pasou de estar a case 10 puntos da media estatal a só 2,6.

O 94,4% dos fogares galegos onde residen persoas de 16 a 74 anos contan con conexión a internet, subindo un punto no último ano, case tres veces máis que a media do estado, e sitúase así a só dous puntos porcentuais.

Interacción coas Administracións Públicas a través de Internet

O 83,5% dos internautas de 16 a 74 empregaron algunha páxina web ou apps das AA.PP nos 12 últimos meses por motivos particulares, superando así a media estatal en medio punto porcentual. Tamén se supera a media estatal dos que descargan formularios oficiais para ser cubertos. En Galicia fixérono o 52,3% dos usuarios de internet nos últimos doce meses e en España o 49%. Así Galicia ocupa o terceiro posto no ranking estatal.

Ademais da descarga de formularios, os trámites máis frecuentes realizados online coa administración son: un 64,8% realiza algunha interacción relacionada coa información, o 52,3% acede a información persoal almacenada e o 50,3% solicita información para sobre servizos, prestacións ou impostos.

A contribución da Rede CeMIT á mellora das competencias dixitais

O labor das 94 aulas da Rede ten contribuído de xeito importante á capacitación dixital dos galegos e galegas. Actualmente, a Rede está inmersa nun Plan de Reforma e Ampliación para adaptar a formación e o equipamento á evolución tecnolóxica. No marco deste plan, este ano dotouse ás aulas de 1.300 dispositivos entre impresoras 3D, kits de programación e drons; e preto de 900 persoas de todas as idades xa se beneficiaron de formación con estes dispositivos. Tamén se impartiu un curso básico de IA, dirixido especialmente a persoas maiores de 55 anos, que se pechou esta semana con máis de 220 participantes e un elevado grao de satisfacción.

Estanse a renovar 1.300 ordenadores de sobremesa, ademais de adquirir 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tablets, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais. A previsión é completar a distribución deste novo material no primeiro trimestre de 2024.

Durante este ano, a Rede ofertou máis de 48.000 horas de formación e para o 2024, está prevista unha nova edición do ciclo formativo de Intelixencia Artificial, e a FEGAUS levará a cabo ciclos formativos para persoas maiores con contidos baseados nas áreas do marco europeo de competencias dixitais. Porase en marcha unha iniciativa sobre banca dixital. Ademais, impulsaranse novas iniciativas en colaboración cos colexios profesionais CPEIG e CPETIG, e coa Cruz Vermella. A isto súmanse todas as actividades de capacitación e talento dixital que impulsan as propias aulas.