Galicia, a comunidade co maior crecemento interanual de banda larga

Data: 
12/07/2013

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) ven de publicar o informe anual da penetración de servizos finais e infraestruturas de telecomunicacións, un informe que presenta, ademais, os datos por provincias e CCAA referidos a telefonía fixa, telefonía móbil de contrato e banda larga, diferenciando neste caso as tecnoloxías utilizadas, par de cobre ou fibra óptica.
No 2012, o número de liñas por cada 100 habitantes en Galicia chegou a 21.3, o que supón un  incremento interanual de liñas do 4,9%, dous puntos porcentuais por riba do incremento medio estatal (2,9%). Deste xeito continúa a diminución da fenda de penetración e confirmase a tendencia para achegarse aos valores doutras comunidades e do Estado (24,9).Outro dato destacado do informe é que Galicia, continúa sendo unha das comunidades con maior crecemento relativo, logo de tres anos no segundo posto este ano acada o primeiro lugar no ranking de crecemento de liñas por comunidades autónomas.
Por outra parte, no ranking de penetración, ou liñas por cada 100 habitantes, por comunidades autónomas, Galicia avanza un novo posto, superando a Andalucía, Castela- A Mancha, Extremadura e Murcia.
No referido ao número de liñas totais contratadas de banda larga, Galicia chegou no 2012 a 580.851, un 25,7% máis que no 2009 antes da posta en marcha do Plan de Banda Larga e que supón case 7 puntos máis que o incremento de liñas do Estado (un 19%). No conxunto do estado en 2012 sobrepasaronse os once millóns e medio de liñas. 
En canto as provincias, hai que destacar no 2012 que Ourense e Lugo son as provincias co maior crecemento de liñas contratadas do Estado (6,8% e 6,6% respectivamente) fronte ao 4,7% de media do Estado.

O informe, tamén presenta os datos de contratación por tipo de tecnoloxía, xDSL e fibra óptica/cablemodem. Nesta última, Galicia, con 6,6 liñas por cada 100 habitantes, continúa a ter uns valores de contratación moi superiores á media estatal (4,7). Só a superan Pais Vasco, Asturias, Cantabria e a Comunidade de Valencia. Por provincias, destaca A Coruña, que, con 8,4 liñas HFC por cada 100 habitantes, é a oitava con maior penetración do Estado. En todo caso,  as catro provincias galegas están na metade superior do ranking.
Para acceder ao informe completo