Crece máis dun 8% o uso da sede electrónica, que rexistrou 1,4 millóns de trámites en 2023

exunta 23
Data
30/12/2024
  • Preto de medio millón de galegos e galegas empregaron esta canle para as súas xestións coa Administración autonómica o pasado ano
  • A carpeta cidadá rexistrou máis de 4,5 millóns de visitas, un 5% máis que o ano anterior
  • O portal web da Xunta recibiu 13 millóns de visitas en 2023 e os seguidores en redes sociais creceron preto dun 25%, superando os 3 millóns de persoas

A sede electrónica da Xunta rexistrou en 2023 o inicio de 1.469.297 trámites, un 8,3% máis que o ano anterior.  En total, 447.770 persoas (físicas ou xurídicas) empregaron esta canle o pasado ano para presentación de solicitudes, escritos ou comunicacións. Estas cifras constatan a consolidación da sede electrónica como o punto de entrada á Administración online.

A oferta de procedementos que poden iniciarse en liña continúa a crecer e, en 2023, había dispoñibles un total de 2.130, 161  máis que o ano anterior. A maioría dos trámites, un 50,6%, están dirixidos á cidadanía; o 29,7% son paras ás empresas; o 10% para entidades sen ánimo de lucro, e un 9,2% están dirixidos ás entidades locais. 

Son datos do estudo “A administración Dixital da Xunta de Galicia”, publicado hoxe, e elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Durante 2023 houbo 4.509.478 accesos á carpeta cidadá, preto dun 5% máis que en 2022.  A carpeta cidadá é o espazo persoal no que os usuarios teñen acceso aos seus datos, á situación dos seus trámites coa Administración e á xestión destes desde un único punto. Crece, tamén, o número total de usuarios activos de Chave365, ata acadar os 1.511.441, o que supón un incremento de máis de 33 mil respecto ao ano anterior.

O documento sinala un crecemento do 14,1% das notificacións a través da plataforma notifica.gal, que sumaron 1.715.777. Ademais, en 2023, un total de 23.915 persoas contaban con tarxetas intelixentes de empregado público para a identificación e a sinatura electrónica. O numero de documentos asinados online en 2023 superou os 10 millóns, mantendo a tendencia ascendente dos últimos anos.

Respecto á presenza en internet,  o catálogo de redes sociais da Administración galega ascendía en 2023 a un total de 438 iniciativas, que suman un total de 3.060.619 seguidores, un 24,8% máis que no 2022.  O portal institucional da Xunta de Galicia recibiu o pasado ano máis de 13 millóns de visitas, cunha media de 470.103 visitantes mensuais distintos, que viron máis de 26 millóns de páxinas.
 

Temática
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades