A contratación de internet entre os autónomos galegos está 10 puntos por debaixo das microempresas

Data: 
22/01/2013

Santiago de Compostela, 22/01/13
A incorporación das TIC entre os autónomos galegos sitúase nun nivel básico, segundo se desprende do informe “A Sociedade da Información e os autónomos. Edición 2012”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) -adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)- coa colaboración da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA).
Trátase do primeiro estudo específico no ámbito das TIC que se realiza entre os autónomos galegos, con máis de 500 enquisas realizadas neste colectivo, e que pon de manifesto  que tanto a dispoñibilidade como a utilización de equipamento tecnolóxico é sensiblemente menor entre o colectivo de empresarios autónomos que entre as empresas galegas que se constitúen como sociedades.
En Galicia existen 145.245 autónomos cun perfil masculino de entre 40 e 54 anos de idade, dedicado fundamentalmente ao sector servizos (57,4%), aínda que cun peso importante da agricultura (27%). A presenza de mulleres entre o colectivo (43,5%) supera en dez puntos porcentuais á proporción de autónomas do conxunto do Estado (33,4%).
Internet contratada e equipamento TIC
O estudo, que foi presentado esta mañá pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente de FEAGA, Francisco Javier Pérez, indica que só o 65,3% dos autónomos galegos ten conexión a Internet para a súa actividade profesional e o 57,4% conta con banda larga, máis de 10 puntos de diferenza por baixo do conxunto das microempresas sociedades.
Case a metade dos autónomos galegos que non teñen Internet non o contrata porque non perciben os beneficios que lles pode aportar e un de cada cinco recoñece que ten poucos coñecementos na materia.
O ordenador e a telefonía móbil para uso empresarial constitúen os equipamentos informáticos con maior presenza entre os autónomos (73,5% e 60,7%, respectivamente) pero cunha significativa fenda con respecto ás sociedades que acada os 14,6 puntos de diferenza en dispoñibilidade de ordenador e 16,4 puntos en telefonía móbil. 
Presenza activa en Redes Sociais  e escasa automatización dos seus procesos
Con respecto á súa presenza en Internet, só o 23,2% dos autónomos con Internet dispón de páxina web, 11,1 puntos por baixo das sociedades. Sen embargo, as redes sociais estanse a converter no principal escaparate dos produtos e servizos dos autónomos xa que o 16,1% dos que contan con conexión a Internet ten unha presenza activa nas redes sociais, superando incluso á media do conxunto das microempresas (12,9%).
En canto aos procesos de xestión e administración interna da empresa (factura electrónica, banca electrónica, sinatura dixital,…), o 32% dos autónomos empregas solucións informáticas para  a xestión administrativa de clientes e provedores, xunto coas de vendas e compras.
Só un 7,1% dos autónomos galegos envía as súas facturas electronicamente, mentres que o 16,2% as recibe. A sinatura dixital é escasamente empregada polos autónomos galegos (14,3% entre os autónomos con conexión a Internet fronte ao 38,8% das sociedades).
Marxe de mellora no comercio electrónico e na interacción coas AAPP
O 22,2% dos autónomos galegos empregaron Internet para a compra de bens ou servizos mentres que o 9,9% realizaron vendas a través da Rede.
A utilización de Internet como ferramenta de interacción coas Administracións Públicas é empregada polo 30,2% dos autónomos con conexión á Rede. De novo, cabe salientar a fenda neste indicador con respecto ás sociedades, 25,8 puntos porcentuais por baixo.
Análise sectorial dos autónomos
A análise por sectores de actividade dos autónomos permite identificar dous segmentos en canto á súa relación coas novas tecnoloxías. Por unha banda, están os que presentan unha maior dispoñibilidade e uso de ferramentas TIC, que son autónomos de actividades profesionais, científicas e técnicas e os das actividades administrativas Nestes grupos a conexión a internet chega case ao 90% no primeiro caso e no segundo supera o 74%.  Os que presentan un menor grao de tecnificación so autónomos do sector do Transporte, Almacenamento e Construción.
Medidas
Desde a Xunta de Galicia estase a potenciar a formación dos empresarios e autónomos no uso das TIC a través da Rede de aulas CeMit e do Centro Demostrador TIC. A Rede CeMIT realizou no 2012 actividades dirixidas á pequena empresa e traballadores autónomos para aumentar a visibilidade empresarial a través de ferramentas de localización, de promoción e captación de clientes a través das redes sociais e profesionais e sobre a difusión de servizos mediante blogs.
Ademais, no Centro Demostrador TIC desenvolvéronse máis de 100 horas de formación dirixidas a autónomos e micropemes sobre comercio electrónico, marketing dixital e o emprego da factura electrónica, do certificado dixital e de servizos na nube, entre outros.
Actividades para 2013
Durante 2013 e en colaboración con FEAGA seguirase apostando pola vía da capacitación tecnolóxica en materia de comercio electrónico, facturación electrónica e marketing desde o CDTIC e  tamén a través da Rede CeMIT. Ademais, facilitarase o asesoramento tecnolóxico de expertos a grupos de autónomos en función da súa actividade e, en colaboración con FEAGA, deseñarase  unha solución tecnolóxica aplicable a diversos sectores de actividade para a xestión integral do negocio, que permitirá aos autónomos ver de forma práctica a aplicación das TIC na súa actividade.
Informe completo
Resumo executivo