Análise estratéxica e sectorial dos indicadores TIC nas empresas galegas realizado polo OSIMGA

Data: 
24/04/2013

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) analiza os indicadores TIC por sectores de actividade segundo a Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 2009), coa finalidade de ofrecer información estratéxica ás empresas usuarias do Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC) e ao conxunto das empresas galegas do sector TIC. Os datos achegados para realizar esta análise sectorial forman parte do informe "A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia" publicado polo OSIMGA, correspondente ao ano 2012.
Equipamentos TIC e ferramentas informáticas
Incrementa o peso das diferentes dotacións tecnolóxicas nas microempresas galegas (0 a 9 traballadores/as), especialmente nas empresas de servizos con CNAE 77-82 (actividades administrativas e servizos auxiliares) e 69-74 (actividades profesionais, científicas e técnicas). O nivel de equipamentos máis baixo rexístrase nas microempresas do sector do transporte e o almacenamento, que apostan fundamentalmente polos dispositivos móbiles para uso empresarial como xa indicara o informe "A Sociedade da infomación e os autónomos. Ano 2012"
O sector industrial, concretamente o sector da moda e a confección (incluído no grupo CNAE 10 – 18), afiánzase como oportunidade de negocio para as empresas do sector TIC. Un feito que motivou a elaboración do primeiro catálogo ModaTIC.gal: "Catálogo de provedores e solucións TIC galegas para o textil"

No tocante ás empresas de 10 ou máis traballadores/as a dispoñibilidade de equipamentos TIC e ferramentas informáticas é maior que nas microempresas e resulta máis variable se atendemos aos grupos CNAE. A situación económica no sector da construción (CNAE 41-43) pode limitar a súa capacidade de adquirir novos equipamentos e servizos TIC, extensible a outros sectores da actividade industrial e ás actividades inmobiliarias. Este e outros factores condicionan na actualidade o estancamento na evolución do sector TIC galego, que resiste o envite da crise económica, como acontece no conxunto dos sectores agrupados na economía do coñecemento: " A situación do emprego no sector TIC e no sector da economía do coñecemento en Galicia. Ano 2012".
 
Dispoñibilidade de Internet e páxina web
A dispoñibilidade de Internet nas empresas galegas é variable en función do CNAE e do volume de traballadores/as. A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis traballadores/as dispón de acceso a Internet (99,1%) e o sector cun menor nivel de penetración na Rede correspóndese co sector téxtil agrupado no CNAE 10-18 (96,6%), onde tamén se identifica unha limitada dispoñibilidade de páxina web (54,5% nas empresas de 10 ou máis traballadores/as). Un feito que xustifica a necesidade de dotar este sector estratéxico galego das solucións TIC que permitan incrementar a súa presenza en Internet e, especialmente, o uso do comercio electrónico a través da súa páxina web.
A dispoñibilidade de Internet e de páxina web no sector da loxística (CNAE 49-53) tamén é limitada nas microempresas e nas empresas de 10 ou máis traballadores/as (Internet: 44,5% das microempresas no sector do transporte e o almacenamento; páxina web: 23,7% nas microempresas). As porcentaxes máis baixas na dispoñibilidade de páxina web correspóndense co sector da venda e reparación de vehículos a motor (21,4% en microempresas) e no sector da construción (24,1% en microempresas e 62,7% nas empresas de 10 ou máis traballadores/as).
 
Comercio electrónico
A realización de operacións de compra e venda a través de Internet é variable en función do sector de actividade e do volume de traballadores/as da empresa.
No ano 2012 un 25% das empresas de 0 a 9 traballadores/as realizaron compras a través de Internet, fronte ao 41,6% das empresas que contan con 10 ou máis traballadores/as. O sector servizos, concretamente as actividades profesionais, científicas e técnicas (CNAE 69-47) e as actividades administrativas e servizos auxiliares (CNAE 77-82), concentran unha maior porcentaxe de uso próxima ao 35% das microempresas. Pola contra, o sector da metalurxia, co 6,9%; e o da loxística, co 10,5%; contan coa menor porcentaxe de compras online deste tipo de empresas. Entre aquelas de 10 ou máis traballadores/as a diferenza entre o sector industrial e os servizos é menor, se ben destaca a realización de compras por parte das empresas dedicadas a actividades administrativas (65,6%) e á venda e reparación de vehículos de motor (50,1%).
O indicador referido ás vendas, pedidos ou reservas a través do comercio electrónico constitúe un elemento estratéxico para a Axenda Dixital para Europa, que establece como obxectivo para o ano 2015 que o 33% das pequenas e medianas empresas (PEMEs)) realice vendas online. Este feito pode facilitar o volume de financiamento público e de investimentos para a posta en marcha de tendas online por parte das PEMEs galegas e, en consecuencia, unha oportunidade de negocio para as empresas TIC especializadas no desenvolvemento de produtos e servizos relacionados co comercio electrónico. Neste senso, as sesións demostradoras no ámbito da compra-venda online terán no Centro Demostrador de Galicia (CDTIC) un bo aliado para amosar os seus produtos e servizos ás PEMEs nos diferentes sectores de actividade.
Actualmente, só un 11% das microempresas galegas realizan vendas online. Esta porcentaxe acada o 25% nas empresas de 10 ou máis traballadores/as. O sector servizos concentra un maior volume de empresas que realizan vendas online, destacando especialmente os servizos de aloxamento co 50% das microempresas e o 77,8% das empresas de 10 ou máis traballadores/as. O volume de empresas do sector industrial que realizan vendas online é limitado, destacando o crecente mercado potencial das actividades concentradas no CNAE 10-18 do que forman parte o sector da alimentación e bebidas e o sector téxtil.
Para máis información poden consultarse os informes e novas publicadas polo OSIMGA e o CDTIC nas seguintes ligazóns:
OSIMGA: http://www.osimga.org
CDTIC: http://cdtic.xunta.es/es/cdtic