O Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) analizou esta mañá o Plan TransformaTIC, unha iniciativa que aliña os instrumentos e medios cos que conta a Administración autonómica nunha estratexia única para o sector tecnolóxico en Galicia, que impulse o seu crecemento e a súa competitividade.
Esta iniciativa formúlase como unha acción de Goberno, liderada pola Amtega como órgano responsable da política tecnolóxica da Xunta, que contará coa colaboración e a implicación dos axentes do sector: o Clúster TIC, os centros tecnolóxicos, os grupos de investigación e as tres universidades Galegas para xuntar esforzos, aliñar obxectivos e favorecer o crecemento do sector.
A xuntanza do máximo órgano da Axencia estivo presidida polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, Alfonso Rueda, a directora da Amtega, Mar Pereira, e está integrado por representantes das oito consellerías.
Obxectivos estratéxicos
O programa TransformaTIC busca impulsar un sector TIC cohesionado e integrador como elemento tractor que apoie o desenvolvemento do resto dos sectores estratéxicos de Galicia e, ao mesmo tempo, consolidar un sector tecnolóxico galego competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado
Para conseguilo a Administración autonómica traballará no aliñamento entre as necesidades tecnolóxicas do sector público e os sectores produtivos e a oferta tecnolóxica do sector TIC.
Isto traducirase no eido público no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos articulados a través da Compra pública de tecnoloxía Innovadora e de proxectos tecnolóxicos de gran envergadura para os sectores estratéxicos para Galicia. Deste xeito, o sector público poderá dispoñer das solucións máis avanzadas na prestación de servizos e avanzarase na incorporación efectiva da tecnoloxía nos principais sectores produtivos.
En ambos casos estas iniciativas contribuirán a dinamizar o sector TIC galego posicionándoo como referencia nacional en innovación e favorecendo a exportación de tecnoloxía galega a novos mercados.
Data:
21/06/2013