A análise realizada polo OSIMGA, a partir dos resultados da enquisa “O uso das TIC e do comercio electrónico nas empresas 2012/2013” publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), achega os últimos datos sobre as tendencias no uso das redes sociais e das solucións “Cloud” nas empresas de Galicia.
Un 25,6% das empresas galegas de 10 e máis traballadores con conexión a Internet utilizan algún tipo de rede social, fronte ao 29,1% da media estatal.
As funcións máis habituais entre as empresas galegas con presenza nos medios sociais están relacionadas coa imaxe da empresa, a publicidade e o lanzamento de produtos (20,2%), o contacto con clientes (14,7%) e a súa participación no desenvolvemento de bens e servizos (8,3%). Pola contra, só o 3% recoñecen utilizar as redes sociais para a selección de persoal.
As empresas con presenza nas redes sociais valoran positivamente a súa utilidade. Un 8,3% considera que son moi útiles para a xeración ou desenvolvemento do negocio, un 16,5% considera que son algo útiles e o 0,8% que non teñen utilidade.
Un 16,3% das empresas galegas de 10 e máis traballadores con conexión a Internet empregan solucións de Cloud Computing, que están destinadas maioritariamente ao almacenamento de datos (89,7%), copias de seguridade (46,3%), e dispoñibilidade de software (45,4%).
A confianza neste modelo tecnolóxico “cloud” é limitada. A metade das empresas enquisadas, o 55,3%, non ten un coñecemento moi elevado neste tipo de tecnoloxías e o 59,2% considera non é necesaria para o desenvolvemento do seu negocio.
Pode consultarse a análise completa realizada polo OSIMGA na seguinte ligazón:
http://www.osimga.org/gl/actualidade/noticias/20130624_ine.html
Data:
28/06/2013