Publicado o dossier de indicadores da Sociedade da Información por CCAA

Data: 
28/10/2013

O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) publicou as táboas de datos facilitadas polo INE e a CMT neste ámbito para o ano 2012.
Nas empresas galegas rexistrouse unha evolución positiva nos principais indicadores da Sociedade da Información dende o ano 2008, o que permite acadar cotas próximas ao 100% no nivel de penetración de ordenadores, telefonía móbil, Internet e Banda Larga nas empresas. A presenza na web, o uso de software libre e do comercio electrónico tamén rexistraron datos moi positivos nos últimos cinco anos.
Os fogares galegos e os seus habitantes están cada vez máis equipados e utilizan con maior frecuencia as tecnoloxías da información e a comunicación, especialmente a telefonía móbil e as conexións de banda larga, que incrementaron 7,7 puntos e 19,3 puntos respectivamente nos fogares dende o ano 2008.
O maior incremento rexistrouse no uso das redes sociais dos particulares, que pasou do 37,9% ao 56,8% en cinco anos, o que supón un incremento de 18,9 puntos porcentuais en Galicia.
Outro dato significativo está relacionado co uso de Internet por parte dos nenos e nenas de 10 a 15 anos. No ano 2012 un 96,5% deles utilizaron Internet fronte ao 73,4% de 2008, o que supón 23,1 puntos máis en cinco anos.
Os principais indicadores de infraestruturas de telecomunicacións en Galicia facilitados pola CMT amosan unha caída no volume de liñas de telefonía fixa nos últimos dous anos. O nivel de penetración da telefonía móbil e da banda larga por cada cen habitantes é superior nas provincias de A Coruña e Pontevedra, onde tamén se identifica un maior número de liñas activas no ano 2012.
Só nas dúas provincias occidentais concéntranse máis do 75% das liñas de banda larga e móbil contratadas, pero a ratio por cada cen habitantes tende a aproximarse nos dous indicadores. Situándose entre as 60 – 70 liñas na telefonía móbil e as 10 -15 liñas de banda larga por cada 100 habitantes nas catro provincias.
Poden consultarse os datos correspondentes a Galicia nas páxinas 76 a 81 da seguinte ligazón:
http://www.ontsi.red.es/ontsi/sites/default/files/dossier_indicadores_seguimiento_de_la_si_por_ccaa_octubre_2013.pdf