A porcentaxe de fogares galegos con Internet contratado incrementouse un 2,1% en 2021

Data: 
07/07/2022
  • O portátil é o tipo de ordenador con máis presenza nos fogares galegos. Un 62% dos fogares dispón de portátil, un 43,5% de PDA ou tablet e un 30,6% de ordenador de sobremesa.
  • O 92,2% dos fogares galegos contan con Internet contratado, o que supón un incremento do 2,1% respecto ao ano 2020.
  • A velocidade de conexión a Internet de máis de 100 Mbps está presente no 30% dos fogares galegos, cun crecemento do 10,3% no último ano e o 69,7% ten dunha velocidade superior aos 30 Mbps
  • Os usuarios de Internet nos últimos tres meses incrementáronse nun 1,9% no último ano, acadando o 89,4%. Máis de 1,75 millóns de galegos de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos 3 meses, unha suba de máis de 177.000 internautas nos últimos catro anos
  • O 43,7% dos fogares galegos contan cun televisor intelixente (Smart TV), 7,9%  máis que o ano anterior e o 22,2% dos fogares dispón de consola de xogos con capacidade de acceso a Internet, 11,6% máis que o ano anterior.
  • No 2021, o 9,7% dos fogares galegos dispoñen de altofalante  intelixente e o 5,5% ten dispositivos de  seguridade conectados a Internet 
  • A penetración da tecnoloxía domótica ou asociada ao Internet das Cousas (IoT) está presente no 4,4% dos fogares galegos.
  • O 61,7% dos galegos/as fixeron compras a través de Internet, cun crecemento do 5,5 % no último ano.
  • Afiánzase a vantaxe no uso da administración electrónica dos internautas galegos/as sobre a media estatal e europea.

A porcentaxe de fogares galegos con Internet contratado incrementouse un 2,1% en 2021, acadando o 92,2%. En termos absolutos, máis de 860.000 fogares galegos onde reside algunha persoa de 16 a 74 anos ten contratado Internet, o que representa un incremento de máis de 65.000 fogares nos últimos catro anos. Ademais, a velocidade de conexión a Internet de máis de 100 Mbps está presente no 30% dos fogares galegos, cun crecemento do 10,3% no último ano e o 69,7% ten dunha velocidade superior aos 30 Mbps

Os datos corresponden ao estudo “Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2021” elaborado  e publicado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Os datos proceden da Enquisa Estrutural aos Fogares que realiza o IGE, en virtude do Convenio de Colaboración asinado con Amtega.

Equipamentos nos fogares

Os ordenadores son o equipamento tecnolóxico por excelencia nos fogares galegos. Un 62% dos fogares dispón de portátil, un 43,5% de PDA ou tablet e un 30,6% de ordenador de sobremesa.

Destácase, tamén, que o 43,7% dispón dun televisor intelixente (Smart TV), o que supón un crecemento do 7,9% no último ano e case duplicando a porcentaxe (22,2%) que se rexistraba no ano 2018.

A consola de xogos con capacidade de acceso a Internet é outro dos dispositivos electrónicos que están a gañar presenza nos fogares galegos. No 2021, o 22,2% dos fogares dispón deste equipamento, o que supón un crecemento do 11,6% respecto ao ano anterior.
En estreita relación co proceso de dixitalización que se está a producir nos fogares galegos nos últimos anos, obsérvase a incursión de novas tendencias e hábitos que pouco a pouco van introducíndose na nosa cultura dixital. No 2021, o 9,7% dos fogares galegos dispoñen de altofalante  intelixente con asistente  dixital, e o 5,5% ten dispositivos de  seguridade conectados a Internet (alarma conectada a Internet, cámaras de  seguridade,  pechaduras  intelixentes…). A penetración da tecnoloxía domótica ou asociada ao Internet das Cousas (IoT) está presente no 4,4% dos fogares galegos

Conexión a internet 

No 2021, a porcentaxe de fogares galegos con Internet contratado incrementouse un 2,1% respecto ao ano anterior, acadando o 92,2%. Así máis de 868.000 fogares galegos onde reside algunha persoa de 16 a 74 anos ten contratado Internet, cun incremento de máis de 65.000 fogares nos últimos catro anos. 
A contratación de Internet dos fogares nos concellos de menos de 10.000 habitantes aumentou significativamente e sitúase no 86,1% no caso dos concellos de menos de 5.000 habitantes e no 90,9% nos concellos de 5.001 a 10.000 habitantes.

Mantense a evolución positiva da velocidade da Internet contratada. O 69,7% dos fogares galegos con conexión a Internet dispoñen xa dunha velocidade de Internet superior aos 30 Mbps, o que supón un incremento do 44,9% respecto ao ano 2018, amosando a rápida evolución da velocidade de conexión nos fogares galegos. Ademais, a porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior a 100 Mbps case se duplicou no período 2018 a 2021, situándose no 30% fronte ao 13,1% do 2018.

Aumenta a capacitación dixitalización da cidadanía galega

Un ano máis, o dispositivo electrónico máis estendido entre os galegos/as é o teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet (smartphone): o 90,7% da poboación galega emprega un smartphone. Obsérvase un uso universal  nas persoas de 16 a 44 anos.

Existe un crecemento continuo do número de internautas galegos/as, un 1,9% máis que o ano anterior. Máis de 1.750.000 galegos/as de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, o que representa un incremento de máis de 177.000 internautas nos últimos catro anos.

Así, Galicia incrementou os usuarios activos de internet nun 11,6% dende o ano 2018, fronte ao 9,1% do conxunto de España e o 6% da Unión Europea. 

As actividades preferidas dos internautas galegos no 2021 son ler noticias, xornais o revistas en liña (87%) , telefonar ou realizar videochamadas usando apps (83,1%), usar banca electrónica (74,6%) e participar nas redes sociais (71,3%).

Evolución por idades e outras fendas que se estreitan

A idade continúa a ser unha variable que afecta de xeito directo ao nivel de dixitalización. A menor idade, maior uso da Rede, acadando niveis de uso do 99,6% entre os/as galegos/as máis novos/as. A fenda dixital segundo a idade redúcese ano a ano e cabe salientar un significativo incremento no nivel de dixitalización no tramo de idade de 65 a 74 anos: o 58,7% xa son usuarios de Internet, o que representa un incremento do 10,8% no último ano.

Estudantes, ocupados e persoas con nivel formativo secundario ou superior acadan un uso practicamente universal de Internet. Pero os colectivos que, no último ano, máis aumentan o seu nivel de dixitalización son  as persoas xubiladas (+8,4%) e as que realizan tarefas do fogar (+5,7%).

O uso de Internet continúa a incrementarse en todos os tipos de hábitat. Nos concellos de máis de 20.000 habitantes, supérase amplamente a media galega (89,4%). Os concellos de ata 5.000 habitantes seguen incrementando internautas: no último ano o 81,8% das persoas de 16 a 74 anos que residen nestes concellos utilizaron Internet nos últimos tres meses (+1,9% respecto á anterior edición). O incremento máis notorio prodúcese nos concellos de 10.000 a 20.000 habitantes, cun crecemento de internautas do 3,6% respecto ao ano anterior.

Compras por internet e administración electrónica

No 2021, as compras por Internet dos galegos e galegas incrementáronse nun 5,5%, cun 61,7% de compradores/as. O 93% mozos/as con idades comprendidas entre os 25 e 34 anos mercaron por internet nos últimos 3 meses.

No referente á administración electrónica, a porcentaxe de internautas galegos que interactuaron coas AAPP a través de Internet nos últimos doce meses para obter información foi do 81,9%, o que supón un incremento do 9,2% respecto ao ano anterior e sitúa a Galicia por riba dos valores estatais e europeos.

Ademais, o 79,1% das persoas que utilizaron Internet nos últimos 12 meses tamén enviaron formularios cumprimentados ás Administracións Públicas a través da Rede, cun crecemento do 12% respecto á edición anterior. 

Ciberseguridade

No 2021, o 68% dos galegos/as que utilizaron internet nos últimos 12 meses e dispoñen dalgún dispositivo electrónico con capacidade de acceso a Internet, emprega algún servizo de seguridade (antivirus, cortalumes…) nos seus dispositivos de uso particular.

Un 9,6% dos internautas tivo algún incidente de ciberseguridade nos seus dispositivos de uso particular (roubo de datos, intento de acceder á súa conta, suplantación de identidade, acoso, correos maliciosos….) nos últimos 12 meses. 

Os resultados detallados do informe “Galicia: A nosa vida en dixital” poden ser consultados en osimga.gal