OSIMGA publica a edición actualizada do sistema de indicadores da sociedade da información de Galicia

Data: 
28/12/2012

Santiago, 28 de decembro de 2012.-  O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), presenta unha edición actualizada do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia, incluído no IV Plan Galego de Estatística 2012- 2016 da Comunidade Autónoma de Galicia.
Este conxunto de indicadores estatísticos permite monitorizar, dun xeito sintético, rigoroso e transparente, a evolución da Sociedade da Información en Galicia, ofrecendo unha visión de conxunto da situación e do seu grao de avance.
O “Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia” figura como unha actividade estatística na Lei 8/2011, do 9 de novembro, do Plan Galego de Estatística para o período 2012-2016 (DOG, 24 de novembro de 2011), o instrumento de ordenación e planificación da actividade estatística da Comunidade Autónoma de Galicia.
Un modelo de observación para medir a implantación das TIC en Galicia
Este dossier está composto por 39 indicadores, que permiten monitorizar a evolución da penetración e uso das tecnoloxías nos seguintes ámbitos: poboación, empresas, sector TIC e servizos da administración electrónica. Ofrécense os datos máis actuais a nivel autonómico e a evolución histórica destes indicadores nos últimos anos, achegando información sobre o seu ritmo de crecemento.
Conforme se establece no deseño deste Sistema de Indicadores, para actualizar os valores dos indicadores empregáronse como fontes de información: as enquisas propias realizadas polo OSIMGA, o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estatística (INE).
O Sistema de Indicadores conta cunha metodoloxía rigorosa de captación e tratamento dos datos que garante a exactitude e fiabilidade da información a divulgar. Tomando como referencia as recomendacións establecidas no código de boas prácticas das Estatísticas Europeas, os indicadores da Sociedade da Información de Galicia son seleccionados de acordo cos seguintes criterios: relevancia e pertinencia para o coñecemento da situación da Sociedade da Información en Galicia, precisión e fiabilidade das fontes de información, actualización regular conforme á súa periodicidade; accesibles e de sinxela interpretación.
O Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia distribúese libremente na Rede baixo licenza Creative commons e está dispoñible na sección "Estatísticas" da web do Observatorio:  www.osimga.org