O informe “A Sociedade da Información e os autónomos de Galicia” correspondente ao ano 2012, achega os principais datos sobre equipamento e uso das TIC por parte dos profesionais autónomos no sector da loxística en Galicia.
O nivel de dispoñibilidade de equipamento informático entre os autónomos é limitado, a pesar da necesaria conectividade que esixe esta actividade. Só o uso da telefonía móbil para uso empresarial supera a media dos autónomos nos indicadores analizados, sendo especialmente significativo os máis de 20 puntos de diferenza que se rexistran na dispoñibilidade de ordenador (52,2% dos autónomos do sector, fronte ao 73,5% do conxunto dos autónomos).
O 37,9% dos autónomos do sector do transporte e o almacenamento dispón de Internet contratado, o 30,5% deles a través da banda larga. Ambos os dous indicadores son moi inferiores á media do conxunto de autónomos, que acada o 65,3% e o 57,4% respectivamente. O mesmo acontece co uso do comercio electrónico, que non acada o 10% na compra de bens e servizos do sector, mentres que a media do total de autónomos sitúase no 22,2%. Pola contra, constátase unha maior dispoñibilidade de páxina web (o 26,9%) e interacción do sector coas administracións públicas (44%), en relación ao 23,2% e o 30,2% respectivamente no conxunto dos autónomos.
A formación en TIC segue a ser a materia pendente. Só un 3% dos autónomos do sector da loxística proporcionan formación en TIC aos seus traballadores/as. Un 61% dos autónomos non consideran necesario contratar Internet e un 12,2% afirma que dispón de poucos coñecementos sobre como realizar a contratación.
Poden consultarse todos os datos no punto 5.4 do seguinte informe.