Os principais indicadores confirman o crecemento sostido do uso das tecnoloxías en Galicia cara á súa universalización

PLENO OSIMGA
Data
04/08/2025
  • O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) presentou a súa memoria anual, que inclúe por primeira vez os datos dun cadro de mandos de acceso público con tecnoloxía de intelixencia de negocios
  • O OSIMGA fai un seguimento de cerca de mil indicadores sobre a evolución da transformación dixital en Galicia e publicou en 2024 un total de 42 informes
  • Máis do 93% da poboación de Galicia usa internet e máis do 86% destas persoas fai trámites administrativos en liña

Os principais indicadores sobre a evolución do desenvolvemento e uso das tecnoloxías en Galicia manteñen unha tendencia de crecemento cara á súa universalización, segundo os datos do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA), que esta semana presentou a súa memoria anual.

O OSIMGA puxo en marcha en 2024 unha nova ferramenta de acceso público que emprega tecnoloxía de intelixencia de negocios (Business Inteligence – BI) na que se pode consultar a evolución dos principais indicadores sobre cidadanía, empresas, sector tecnolóxico e Administración. Os indicadores chave deste cadro de mandos son os que mostran esta tendencia cara á universalización da sociedade da información.

Neste sentido, máis do 95% dos fogares contan con internet contratado e o 65%  dispoñen de velocidade de conexión superior aos 100 Mbps. As persoas que declaran usar internet son máis do 93%. Tamén destaca o feito de que máis do 86% destas persoas empregan internet para facer trámites coas Administracións públicas. Este dato, correspondente á última enquisa de 2024, indica un crecemento de máis dun 1,5% con respecto á enquisa anterior de 2023. Tamén é significativo o avance no número de persoas empregadas en empresas tecnolóxicas, que medrou un 2,3% ata acadar as 23.467. Todos os datos do sistema de indicadores poden consultarse en  www.osimga.gal/gl/cadro-de-mandos.

En 2024, o Observatorio analizou 975 indicadores procedentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), o Instituto Galego de Estatística (IGE), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, así como datos propios. Con esta información elaborou e publicou 42 informes, que tamén poden ser consultados na web www.osimga.gal. Máis de 3.000 persoas fan un seguimento permanente dos datos proporcionados polo OSIMGA a través dun boletín electrónico.

Ademais da posta en marcha do cadro de mandos, entre as principais novidades na actividade de OSIMGA en 2024 estiveron a edición dun informe sobre o uso do galego nas TIC, así como estudos temáticos sobre o uso das tecnoloxías por parte das persoas maiores de 64 anos; o uso das TIC na infancia e mocidade; ou unha análise específica sobre o uso de tecnoloxías disruptivas nas empresas de Galicia.

Ademais da colaboración coas institucións oficiais de estatística, o OSIMGA mantén acordos con entidades como Red.es, Telefónica, a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, o Consello Galego das Mulleres, o Observatorio das Administracións Electrónicas das Comunidades Autónomas ou as universidades de Vigo e A Coruña, entre outras.
 

Localización
Galicia
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades