Os axentes galegos do software libre colaboran coa Amtega en preto do 30% das accións do plan Floss da Xunta de 2015

Data: 
13/05/2015

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, asinou esta mañá os convenios de colaboración cos axentes galegos do Software Libre galego, aos que trasladou as liñas de acción do Plan de Software Libre 2015, no que participan con 26 das 95 actividades previstas
Un ano máis a Amtega colaborará co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas; coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); e coas seis Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia (AGUSL) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre entre a cidadanía. As AGUSL que participan nesta iniciativa son GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa, Asociación Cultural Proxecto Trasno e XeoPesca.
Os acordos asinados hoxe, cunha dotación conxunta de 120.000 euros, permitirán a realización de actuacións que inclúen dende a elaboración de documentación, a tradución de Software Libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros e do congreso internacional Akademy 2015 (conferencia internacional da comunidade de KDE ), o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social, a implantación e formación en Software Libre nas Universidades ou a convocatoria da 8ª edición do Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre
A estes acordos súmanse os asinados recentemente pola a Amtega e os colexios profesionais de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica Informática (CPEIG e CPETIG) que tamén incorporan accións en prol do fomento do Software Libre.
Plan de Software Libre 2015
O Plan de Acción en Software Libre 2015 recolle as 95 actuacións que durante este ano se porán en marcha para incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade, o sector empresarial e na propia administración.
Software Libre na Administración
A Xunta iniciará xa a primeira fase de migración a software libre de 1.500 postos de traballo de empregados públicos. Ademais, séguese a apostar polas ferramentas de software libre en proxectos de calado para a Administración como o Arquivo Electrónico Administrativo (ARPAD) ou o sistema de rexistro único da Xunta de Galicia (AIRES) e polas políticas de reutilización de software libre con exemplos como a implantación da tramitación electrónica Wand@ ou a adaptación do sistema de notificacións electrónicas Notific@, desenvolvidas e liberadas pola Junta de Andalucía.
No ámbito educativo, este curso 2014/2015, o proxecto Abalar estará implantado en 531 centros, con que máis máis de 50.000 alumnos desenvolverán as súa actividade educativa en Software libre.
Software Libre para a cidadanía
Durante o ano 2015 as 98 Aulas CeMIT, que empregan o sistema operativo libre GNU/Linux, continuarán divulgando e fornecendo unha alfabetización tecnolóxica e formación en ferramentas libres e este ano reforzarmos a súa difusión a través de actividades do Plan de Voluntariado Dixital.
Así mesmo grazas á colaboración dos axentes de Software Libre poderanse realizar diversas actividades de formación e difusión que permitirán achegar o software libre á sociedade.
Este ano convocarase o VIII Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades e no que participa tamén a Asociación GPUL.
Software Libre na empresa
No que respecta ao impulso e fomento do Software Libre no ámbito empresarial, o Centro Demostrador TIC incorporará ao Centro Demostrador TIC Virtual dúas novas solucións libres que as pemes galegas poderán probar de balde. Está previsto ofertar a ferramenta libre CiviCRM para o terceiro sector e Odoo (antigo OpenERP) para a xestión integral de empresas.

 
Informes:
Software libre nas empresas. Ano 2014
Software libre nas empresas TIC. Ano 2014