O uso de internet en Galicia igualouse coa media europea no período 2017-2020 E é practicamente universal entre os 16 e os 44 ano

Data: 
25/06/2021
  • En 2020, máis do 99 por cento das persoas de entre 16 e 34 anos e o 98,3% de entre 35 e 44 declaran que usaron internet nos últimos tres meses
  • O uso de internet en Galicia igualouse coa media europea no período 2017-2020, cun crecemento dun 11,9%, fronte ao 7,3% da UE e o 10,2% de España
  • Nove de cada dez fogares galegos teñen contratado internet, e a contratación de velocidades de máis de 100 Mbps triplicouse no período 2017-2020
  • Preto do 60 por cento das persoas de Galicia fai compras en liña, o que implica un crecemento do 12,5% con respecto a 2019
  • O 75% da cidadanía de Galicia interactúa coas Administracións públicas a través de internet 
  • Os incrementos do uso de internet en 2020 foron especialmente significativos entre persoas con discapacidade (un 17,8% máis que en 2019) ou xubiladas (un 11,4%)

O uso de internet entre as persoas de entre 16 e 44 anos en 2020 foi practicamente universal en Galicia, con porcentaxes moi similares aos da media española e europea. Entre os 16 e os 74 anos, cerca do 88 por cento da cidadanía galega usa internet, a mesma porcentaxe que na Unión Europea e lixeiramente por debaixo da media española, que é dun 93,2%.

Galicia situouse na media europea no uso de internet grazas ao incremento experimentado entre 2017 e 2020, que foi dun 11,9 por cento, fronte ao 10,2 por cento da media española e o 7,3% da UE.

Os datos corresponden ao estudo “Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2020” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Segundo o estudo, nove de cada dez fogares galegos (90,3%) ten un servizo de internet contratado. Esta porcentaxe supón un incremento dun 7,4% respecto ao ano 2017 fronte ao 4,6% de aumento da media europea nese mesmo período.

O informe, confirma que, no ano 2020, o proceso de dixitalización da poboación galega consolídase no contexto da pandemia provocada pola COVID-19, impulsada por novos comportamentos e hábitos da cidadanía. 

As videochamadas, a procura de información sobre as circunstancias sanitarias, compras on line ou o ocio a través de Internet impulsan os indicadores de dixitalización, e fano máis intensamente entre os colectivos que, tradicionalmente, presentaban unha menor inclusión dixital (persoas maiores ou residentes no rural).

O crecemento na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a contratación de Internet sitúase no 84% e o incremento rexistrado no período 2017-2020 foi do 14%. Nos concellos que teñen entre 5.001 e 10.000 habitantes, a porcentaxe elévase ao 88,4% e o incremento nese mesmo período supera o 18%.

Máis velocidade

O 58,4% dos fogares galegos que ten contratado Internet conta cunha conexión á rede superior a 30 Mbps, o que supón un incremento do 14,5% respecto ao ano anterior. Así se recolle no estudo que destaca tamén que a porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior a 100 Mbps triplicouse no período 2017 a 2020, situándose no 27,2% fronte ao 9,9% que rexistraba no ano 2017.

Aumenta a nivel de dixitalización da cidadanía galega.

Nos últimos anos, os despregamentos de novas infraestruturas de telecomunicacións ou as iniciativas de capacitación dixital como a que ofrece a Rede de aulas CeMIT contribuíron notablemente ao incremento do uso das tecnoloxías na cidadanía galega.

O dispositivo máis estendido entre a cidadanía de Galicia é o teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet –smartphone-, do que dispón o 90,8% da poboación. O 87,7% das persoas de Galicia de 16 a 74 anos utilizou Internet nos tres últimos meses, un 2,5% máis que o ano anterior. No caso de convivir con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria, a porcentaxe de uso de internet ascende ao 95,9%.

En termos absolutos, máis de 1.737.900 persoas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, o que representa un incremento de máis de 169.015 internautas nos últimos catro anos.

Entre os galegos/as que utilizaron Internet nos últimos tres meses, un 89,8% faino a diario, dato que supera lixeiramente a media estatal (89,1%).

Aumento no uso de internet entre as persoas con discapacidade e xubiladas

Estudantes, ocupados e persoas con nivel formativo secundario ou superior acadan un uso practicamente universal de Internet. Non obstante, cabe salientar que os colectivos que máis aumentan o seu nivel de dixitalización no último ano son as persoas con algún tipo de discapacidade (+17,8%), as persoas xubiladas (+11,4%) e as que realizan tarefas do fogar (+7,5%).

Compras a través de Internet e Administración electrónica

O ano 2020 supuxo un punto de inflexión no que se refire ás compras on line e as xestións coas Administracións Públicas a través de Internet. O impacto da pandemia da COVID-19, as limitacións á mobilidade e as medidas sanitarias aumentaron as compras de produtos e servizos a través de Internet e o uso da Administración electrónica.

No ano 2020 as compras por Internet incrementáronse un 12,5%, acadando unha porcentaxe de 58,5%. Os mozos/as con idades comprendidas entre os 25 e 34 anos  acadan a maior porcentaxe de compra a través de Internet (88,6%).

No referente á administración electrónica, a porcentaxe de internautas galegos que interactuaron coas AAPP a través de Internet nos últimos doce meses para obter información foi do 75% no ano 2020, o que supón un incremento do 6,2% no último ano e sitúa a Galicia por riba dos valores estatais e europeos.

Ademais, o 70,6% das persoas que utilizaron Internet nos últimos 12 meses tamén enviaron formularios cumprimentados ás Administracións Públicas a través da Rede., cun crecemento do 5,7% respecto á edición anterior. Aínda así, o tipo de interacción coas AAPP que máis se incrementou no último ano foi a descarga de documentos xerados polas propias administracións a petición da cidadanía, que experimentou un crecemento do 18,8% e se sitúa no 61,8%.

A información pode apliarse aquí.