O OSIMGA achega novos datos sobre a utilización do ordenador e Internet no posto de traballo

Data: 
13/09/2012

A enquisa á poboación sobre a Sociedade da Información en Galicia, elaborada polo OSIMGA durante o ano 2011, facilita os  datos sobre a utilización do ordenador e Internet no traballo.

As actividades informáticas máis desenvolvidas no exercicio profesional son a consulta de operacións varias en Internet (72,8%), a utilización de aplicacións informáticas (67%) e o uso de programas informáticos específicos (65,6%).

Máis da metade dos usuarios de ordenador con fins profesionais recoñece ser autodidacta (55,6%). O 40,8% adquiriu os seus coñecementos informáticos a través doutras persoas, e 3 de cada 10 fixérono, ben mediante aprendizaxe regrada ou en cursos de aprendizaxe organizados pola empresa.

A procura e consulta de información é, nun 93,5% dos casos, o uso básico das persoas que utilizaron a Rede con fins profesionais. Lonxe desta porcentaxe atópanse a realización de trámites coas Administracións Públicas (37,2%) e de xestións bancarias e financeiras (28,7%). A compra ou venda de bens e servizos é a opción minoritaria, mencionada polo 13,7% dos enquisados.

Finalmente, recoñécese que a porcentaxe das persoas que utilizan Internet para teletraballar en Galicia segue a ser baixa (14,1%), fronte ao grupo maioritario de quenes non fan uso desta alternativa (85,9%).

Pode consultarse a Enquisa Cidadanía 2011 no apartado DOCUMENTOS nesta mesma web www.osimga.org