O mapa TIC ofrece máis de 400 solucións tecnolóxicas de pemes e micropemes galegas a empresas de todos os sectores produtivos

Data: 
11/02/2013

Un ano despois da súa posta en marcha o MapaTIC.gal ofrece máis de 400 produtos e servizos tecnolóxicos (máis do 22% con licenzas libres) e conta con 178 provedores, dos cales o 23% son provedores de software libre. O Mapa, outros dos servizos que ofrece o Centro Demostrador TIC, é unha plataforma web que ten como obxectivo servir de punto de encontro virtual entre as empresas TIC e as empresas doutros sectores que demandan solucións tecnolóxicas.
O perfil predominante de provedores TIC neste escaparate virtual é o das micropemes, que representan o 52% do total, seguidas das pemes (25%) mentres que a mediana empresa e a gran empresa supoñen un 10% e un 3%, respectivamente. No caso dos demandantes, o sector que solicita máis produtos TIC é ó do comercio, seguido do eido da educación a Industria cultural e empresas dos sectores primarios agricultura, pesca e gandaría.
Produtos e servizos ofertados
En canto aos produtos ofertados, a maioría (37%) son solucións de xestión empresarial, seguidos de software especializado (19%), portais e plataformas web (15%), electrónica e comunicacións (10%) hardware e sistemas de base (9%), contidos dixitais, multimedia e 3D (5%) e seguridade informática (5%).
Por categorías de servizos tecnolóxicos os de maior presenza no mapa son os de auditoría e consultoría (43% ), seguidos dos de desenvolvemento de software e contidos (34%) e nunha menor porcentaxe os de soporte e e mantemento de infraestruturas e sistemas (12%) e formación (11%).
Acceso e estrutura
O mapa está estruturado en dúas áreas, unha de acceso público e outra accesible baixo clave de acceso. Na primeira calquera usuario, empresario, profesional ou entidade poden acceder para localizar provedores e solucións tecnolóxicas, a través de criterios de busca por múltiples ámbitos e categorías.
Aqueles provedores de tecnoloxía interesados en visualizar os seus produtos e servizos no MapaTIC.gal poden rexistrarse introducindo os seus datos de contacto, así como descricións detalladas dos seus produtos, servizos e casos prácticos de proxectos realizados.
Pola súa banda, os usuarios demandantes de tecnoloxía que se rexistren no MapaTIC.gal accederán á información personalizada dos provedores e produtos que mellor se adapten á súa estrutura e sector produtivo.
Unha vez rexistrados, os usuarios dispoñen das claves de acceso á área restrinxida, onde poderán modificar e actualizar os seus datos cando e onde queiran, así como acceder a outros servizos do MapaTIC.gal.
Beneficios
Darse de alta no MapaTIC.gal permite ás empresas demandantes de tecnoloxía participar activamente no escenario da oferta e a demanda tecnolóxica de Galicia, publicando necesidades tecnolóxicas non cubertas pola oferta actual. Deste xeito, poden entrar en contacto con provedores TIC galegos interesados en desenvolver novos produtos que se adapten ás súas necesidades concretas.
A través do MapaTIC.gal, os demandantes tamén poden visualizar as solucións máis innovadoras para o seu sector de actividade e cal é o grao de implantación, así como casos prácticos das mesmas. Tamén poden comparar as solucións tecnolóxicas, prezos, utilidades existentes para o seu negocio, ... Por último, o MapaTIC.gal contribúe a mellorar a comprensión e coñecemento relativos as novas tecnoloxías, a través dun glosario tecnolóxico, cunha linguaxe sinxela e un enfoque práctico.
No caso dos provedores tecnolóxicos, o MapaTIC proporciónalles escaparate virtual para darlle visibilidade ás súas capacidades, produtos e servizos así como o contacto con potenciais demandantes das súas solucións. Por iso, o Mapa proporciona un escenario para crear oportunidades de negocio TIC local e fomenta a cooperación intersectorial de cara a mellorar a competitividade do sector tecnolóxico galego.
Escaparate Tecnolóxico de Galicia
O MapaTic.gal é unha dos servizos que proporciona o Centro Demostrador TIC, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e que ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para acercar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos FEDER.